Pestanas principais

O Pazo da Peregrina acolle este sábado a Tarde de Requinta

Xoves, 21 de febreiro de 2013

[21-02-2013] A Asociación Cultural Follas Novas, en colaboración co Concello de Ames, organizaron para este sábado, 23 de febreiro, a «Tarde de Requinta». Esta actividade, que comezará ás 17:00 horas, desenvolverase no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Neste encontro falarase das características que ten este instrumento. Para iso haberá unha charla impartida por Pablo Carpintero e Santiago Otero. Tamén haberá unha exposición de requintas a cargo de Oli Xiráldez e Pablo Carpintero, dous afamados artesáns deste tipo de instrumento. Para pechar o encontro realizarase unha foliada na que tocarán tres grupos (A Requinta Leda; A Requinta de Xián; e A Requinta da Amaía).

A Asociación Cultural Follas Novas, en colaboración co Concello de Ames, decidiron realizar un encontro de requintas para dar a coñecer máis polo miúdo este instrumento que é típico da zona da Ulla. Para elo desenvolveranse unha serie de actividades dende ás 17:00 horas que se alongarán ata arredor das 22:00 horas. «A Tarde de Requinta» comezará cun obradoiro denominado Aprende a tocar a requinta, no que se mostrará como é unha requinta e como se toca. Esta actividade será impartida por Alexandre Cadarso, profesor de requinta da Asociación Cultural Follas Novas.

Arredor das 18:00 horas está previsto que se imparta unha charla sobre «A requinta da Ulla». Nesta mesa redonda, que estará moderada por Pablo Carpintero e Santiago
Otero, investigadores que levaron a cabo varios estudios sobre a requinta da Ulla, falarase sobre que é unha requinta, como se toca este instrumento e das características da requinta da Ulla. Dentro deste tema abordaranse varias cuestións como son a súa orixe; se a requinta da Ulla é diferente a outras frautas/requintas doutras zonas galegas, se deberíamos seguir o modelo da requinta da Ulla como modelo de requinta tradicional, etc.

A continuación, ás 19:00 horas, haberá unha exposición de requintas a cargo de Oli Xiráldez e Pablo Carpintero, dous afamados artesáns deste tipo de instrumento. Estes profesionais van a expoñer algunhas das requintas que elaboraron e tamén falarán das súas características. Para pechar o encontro, ás 20:00 horas, realizarase unha foliada na que tocarán tres grupos. En primeiro lugar actuará o grupo amiense de recente creación, A Requinta Leda. Despois será a quenda de A Requinta de Xián, que presentará o seu último disco. Para rematar queda o grupo organizador do encontro, A Requinta da Amaía, pertencente á Asociación Follas Novas.