[25-03-2017] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, organizou para este luns, 27 de marzo, de 17:00 a 19:00 horas, a Festa dos Contos. Esta actividade enmárcase dentro do obradoiro de contacontos para nais e pais denominado, Dunha vez había..., que se desenvolveu todos os luns de marzo (os días 6, 13 e 20) da man de Fabaloba. Esta festa está dirixida ao público familiar e está incluída dentro da programación con Apego. Aínda que non asistises a este obradoiro poderás gozar dunha tarde chea de contos e historias. A entrada é de balde.
Ao longo deste mes de marzo desenvolveuse o obradoiro de contacontos para nais e pais, Dunha vez había..., que correu a cargo de Fabaloba. Tivo lugar no Pazo da Peregrina (Bertamiráns) todos os luns de marzo (os días 6, 13 e 20), en horario de 17:00h a 19:00 horas. Foron 6 horas repartidas en tres sesións.
Para pechar esta actividade falta por desenvolver a cuarta e última xornada que consiste nunha Festa de Contos, que está aberta a todas as familias que queiran acudir. A festa terá lugar tamén no Pazo da Peregrina, en horario de 17:00 a 19:00 horas. Nela os pais e nais participantes no obradoiro contarán diversos contos para poñer en práctica o aprendido anteriormente.
Dunha vez había... é un obradoiro práctico de contacontos para aprender a transmitirlles mellor as historias, as emocións e a lingua ás crianzas. A través desta actividade os participantes coñeceron diversos libros e outros recursos para contar historias. Tamén traballaron o xesto e a voz, mediante libros e música, para tratar diversos temas de interese para as familias: chegada dun irmán/irmá, alimentación, emocións, deixar os cueiros, ir ao cole...




