Pestanas principais

O Pazo da Peregrina acolle esta tarde a presentación do libro do XVII Certame Literario de Ames

Xoves, 29 de abril de 2021

Nun acto no que participarán as persoas premiadas, presentarase esta tarde o libro que recolle os 18 traballos gañadores no Certame Literario Concello de Ames do ano 2020. A presentación terá lugar ás 19:00 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Os autores e autoras lerán fragmentos dos seus traballos. A concelleira de Normalización Lingüística recibirá ás persoas galardoadas.

O 2020 non foi un ano doado, tampouco para o Certame Literario de Ames que viu diminuída considerablemente a súa participación por mor das circunstancias. Porén, o xurado, composto polo profesor, tradutor e crítico Xosé Antón López Silva, o escritor e profesor Paulo Calvo e a xornalista e escritora Nazaret López, valorou 65 traballos e, coma sempre, foi complicado escoller os 18 que cada ano suman nome e obra á historia do certame, dado que a calidade dos traballos non baixou en absoluto.

O acto de presentación deste ano será similar ao de outras edicións, malia que as normas sanitarias de loita contra a pandemia limitan a capacidade do primeiro andar do Pazo da Peregrina, practicamente ocupado polas familias e amizades dos premiados e premiadas. O toque de queda e o feito de que algunhas das persoas asistentes veñen de concellos afastados de Ames e teñen que volver á casa antes das 23.00 horas vai limitar tamén o tempo de lectura de cada un dos autores e autoras.

Nesta edición de 2020 presentáronse 65 traballos. Na modalidade de poesía recibíronse 37 traballos e en narrativa chegaron 28 propostas.

A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, explica que “as persoas premiadas recollerán os libros que lles corresponden como gañadores e gañadoras e lerán un breve fragmento do seu traballo. Trátase de facerlles un merecido recoñecemento aos premiados e premiadas do Certame Literario de 2020, un ano no que, a pesar da pandemia, o certame seguiu incentivando a creatividade en lingua galega".

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ganadores del Certame Literario ya tienen su libro"

XVII Certame Literario de Ames
Descargas: 

Multimedia

  • XVII Certame Literario de Ames