Pestanas principais

O Pazo da Peregrina acolle a celebración dun Foro sobre a xestión municipal do Dereito Humano á auga

Venres, 16 de outubro de 2015

[16-10-2015] O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a ONGD Enxeñería sen Fronteiras Galicia achegarán o próximo xoves, 22 de outubro, ao Pazo da Peregrina de Bertamiráns, o Foro sobre a xestión municipal do Dereito Humano á auga. A charla, que se desenvolverá a partir das 20:00 horas, pretende impulsar un foro no concello coas persoas interesadas en coñecer máis sobre o enfoque do dereito humano á auga mediante a mellora da transparencia e bo goberno na súa xestión. Será a partir do exemplo dos traballos desenvolvidos cunha mancomunidade de sete concellos do sur de Honduras co apoio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, así como outras experiencias existentes, que permita establecer un intercambio coas persoas asistentes para posibles melloras concretas a impulsar dende o concello (expoñer novas alternativas, melloras concretas da xestión, dúbidas, etc.)

Chamar a atención sobre a problemática do dereito á auga, debater e poñer sobre a mesa propostas de mellora da transparencia e da boa gobernanza en todo o ciclo da súa xestión, son os principais obxectivos que persegue a celebración deste Foro. Serán varios os temas que se porán enriba da mesa, como o ciclo integral e xestión integral, o marco legal na UE e no Estado Español, diferentes modelos de xestión, boas prácticas no uso da auga, o programa de dereito á auga de Enxeñería Sen Fronteiras en Honduras, en colaboración coa mancomunidade de 7 municipios de NASMAR, leccións clave para asegurar o dereito humano á auga e oportunidades de traballo dende os concellos no eido do aseguramento do dereito humano a auga.

A ONU recoñece especificamente o dereito á auga dende o 2010. Os concellos, como administración pública máis próxima á cidadanía, teñen unhas competencias importantes á hora de garantilo, o que se reflicte no marco lexislativo da maioría dos países do mundo. Enxeñería Sen Fronteiras, como asociación que traballa no eido da tecnoloxía para as persoas, ten o dereito á auga como un dos seus eixos de traballo, con experiencia en lugares como El Salvador, os campamentos de refuxiados saharauís en Alxeria ou Honduras, e participa a través da Federación Española de Ingeniería Sin Fronteras en redes que promoven unha maior transparencia e bo goberno na xestión da auga en todo o mundo.

A participación no Foro está aberta a todas as persoas interesadas neste eido, se ben está especialmente indicada para persoal implicado en supervisión ou seguimento do servizo de auga potable e saneamento municipal.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Bertamiráns acoge un foro sobre la gestión local del agua"