Pestanas principais

O pavillón polideportivo de Bertamiráns acolleu unha tarde solidaria de baloncesto

Luns, 23 de decembro de 2013

[23-12-2013] O pavillón polideportivo de Bertamiráns acolleu onte pola tarde o V partido benéfico de baloncesto Concello de Ames. O XL Milladoiro xogou contra un equipo de famosos de Galicia entre os que se atopaban varios ex-xogadores de baloncesto como Tonecho Lorenzo, Julio Jiménez, Lolo Castro, Julio Fernández, Calvelo, Coque Rama, Augusto de la Concepción, Julio Teixeira, e o humorista Víctor Fábregas. O partido rematou con empate a 91 puntos. O XL Milladoiro estivo adestrado por Oriol Junyent, mentres que o equipo de famosos estivo dirixido por Alberto Corbacho e por Terio Carrera. As persoas que asistiron a este espectáculo doaron arredor de 80 quilos de alimentos non perecedoiros, que se repartirán entre as familias amienses que carecen de recursos económicos.


Gala de Nadal do Club de Patinaxe Artística Omega
Por outra banda, o sábado pasado o Club Patinaxe Artística Omega organizou, en colaboración co Concello de Ames, a I Gala de Nadal de Patinaxe Artística. Este evento, que se desenvolveu no pavillón polideportivo do Milladoiro, serviu para mostrar en público todo o aprendido polos/as patinadores/as deste club durante este ano.

Un ano máis o XL Milladoiro e o Concello de Ames uníronse por unha boa causa. Onte pola tarde disputouse no pavillón polideportivo de Bertamiráns o V partido benéfico de baloncesto Concello de Ames. A entrada para asistir a este evento foi totalmente gratuíta, pero todas as persoas que asistiron doaron de forma voluntaria arredor de 80 quilos de alimentos non perecedoiros, que serán repartidos entre ás familias amienses que carecen de recursos económicos. O XL Milladoiro entregaralle estes alimentos ao párroco do Milladoiro para que faga o reparto. Entre os alimentos que se entregaron hai arroz, galletas, pasta, cacao, fariña, etc.

Neste partido o XL Milladoiro enfrontouse a un equipo de famosos que estivo repleto de ex-xogadores de baloncesto como Tonecho Lorenzo, Julio Jiménez, Lolo Castro, Julio Fernández, Coque Rama, Augusto de la Concepción, Calvelo e Julio Teixeira (algúns deles son ex-xogadores do Club Amigos Baloncesto Obradoiro). Tamén participou o humorista Víctor Fábregas. O partido foi arbitrado polo ex-árbitro internacional, Vicente Sanchís, e polo presidente do Club de baloncesto XL Milladoiro, Santiago Pampín.

Este ano o Club Amigos Baloncesto Obradoiro volveu a colaborar nesta iniciativa solidaria. Deste xeito, o XL Milladoiro estivo adestrado por Oriol Junyent, mentres que o equipo de famosos estivo dirixido por Alberto Corbacho e polo xornalista Terio Carrera. Alberto Corbacho, xogador do Rio Natura Monbus Obradoiro, incluso se atreveu a xogar uns minutos co equipo de famosos. Ademais, tamén asistiu o base do Rio Natura Monbus Obradoiro, Iñaki Sanz, co fin de apoiar este acto solidario. Aínda que o de menos foi o resultado, o partido estivo moi igualado e rematou con empate a 91 puntos.