Pestanas principais

O pavillón municipal do Milladoiro acolle o Campionato Provincial en idade escolar de técnica e freestyle de Taekwondo

Venres, 15 de marzo de 2019

[15-03-2019] O club de Taekwondo TKDenodo organiza, coa colaboración do Concello de Ames e por delegación da Federación Galega de Taekwondo e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, o campionato provincial en idade escolar das modalidades técnica e freestyle de Taekwondo. O torneo terá lugar o sábado, 16 de marzo, no polideportivo do Milladoiro a partir das 10.00h. Esta proba clasificará para o campionato galego, que terá lugar o vindeiro sábado, 30 de marzo.

A primeira das modalidades en competir será a de técnica, a partir das 10.00h, na que os participantes realizarán unha combinación de movementos de defensa e ataque coñecidos como pumses. Nesta variedade competirán un total de dez categorías, cinco masculinas e cinco femininas. A continuación, procederase á entrega de premios por parte de Isabel González, conselleira de Promoción Económica e Turismo de Ames.

Por outra banda, a partir das 13.00h desenvolverase a competición da modalidade freestyle, que consiste na realización dunha combinación de libres seguindo a música. Nesta categoría competirán un total de catro categorías, dúas masculinas e dúas femininas. Ao igual que na anterior, ao finalizar realizarase á correspondente entrega de premios.

Nesta competición participarán deportistas con idade escolar que pertenzan a clubs de toda a provincia da Coruña. Os participantes puntuarán para o Campionato Galego de Tekwondo do vindeiro 30 de marzo, onde se enfrontarán cos clasificados nos distintos torneos provinciais. Poderán asistir como público ao torneo deste sábado todos aqueles interesados en ver de preto a práctica deste deporte, posto que a entrada será de balde.

Dende o club de Taekwondo TKDenodo animan a todos e todas a que acudan a desfrutar e achegarse a esta práctica deportiva. O taekwondo é un deporte no que os movementos de perna teñen unha gran importancia, cunha depurada técnica na que destacan a rapidez y precisión. Foi declarado deporte olímpico na sesión 103 do Comité Olímpico Internacional celebrada en París en 1994, e fixo o seu debut como tal nos JJ.OO de Sidney 2000.