Pestanas principais

O pavillón do Milladoiro acollerá este sábado o segundo encontro de patinaxe das escolas deportivas

Venres, 08 de abril de 2011

[08-04-2011] Este sábado terá lugar no pavillón polideportivo do Milladoiro a segunda edición da competición de patinaxe artística que se celebra dentro do programa das Escolas Deportivas Municipais. O Concello pretende a través deste programa potenciar hábitos de vida saudables por medio do deporte e difundir valores tan importantes coma o respecto, o compañeirismo e a tolerancia. O segundo encontro de patinaxe das escolas deportivas reunirá a case 200 participantes de tres clubs que actuarán tanto en solitario como en grupo. O Club de Patinaxe Campus Stellae tamén acudirá para deleitar aos asistentes con dous grupos de Show que presentaron previamente no Campionato Galego de Patinaxe Artística.

A patinaxe é unha das actividades con maior éxito dentro das Escolas Deportivas Municipais desde hai xa oito anos. Para consolidar esta tendencia este sábado terá lugar o segundo encontro de patinaxe das escolas deportivas, tras o éxito do celebrado o curso pasado, sempre procurando dar un salto de calidade e de cantidade que faga este deporte atractivo a nenos e adultos. Nesta nova edición da competición participarán arredor de 200 nenos e nenas de catro clubs, tanto en coreografías de grupo como en individuais. Agárdase contar cun gran número de espectadores ao longo das seis horas que, entre a mañá e a tarde, durará o evento.

O espectáculo mestura música, baile, coreografías, colorido, música e emocións. A partir das 11:00 horas da mañá competirán os nenos e nenas participantes en bailes individuais, e pola tarde, a partir das 17:00 horas, será a quenda das actuacións en grupo. Pola tarde, ademais, terá lugar a actuación de dous grupos do compostelán Club de Patinaxe Campus Stellae, que amosarán os espectáculos que presentaron no Campionato Galego de patinaxe Artística.

Ás 14:00 horas terá lugar a entrega de premios e trofeos das actuacións individuais da mañá, e darase por finalizada esa primeira parte do evento. Ás 19:00 horas entregaranse os premios e trofeos dos bailes de grupo. No evento participarán tres xuízas que serán quen valoren a calidade artística dos nenos e as nenas participantes. Ademais, cada un destes recibirá un agasallo e unha camiseta de recordo pola súa participación.

Con este evento a patinaxe consolídase como unha disciplina referencial dentro das Escolas Deportivas Municipais. Desde a organización preténdese que este evento represente o traballo do conxunto das Escolas Deportivas do Concello e a través del se transmita e dea a coñecer o esforzo, a dedicación e a profesionalidade tan importantes para a educación dos nenos que serán o futuro do Concello e da sociedade.