[27-12-2012] O pavillón deportivo de Bertamiráns acollerá este venres, 28 de decembro, un baile destinado aos maiores do concello de Ames no que haberá chocolatada e música en directo. O baile, organizado pola Concellería de Atención e Mediación Veciñal, comezará ás 18,30 horas e contará coa actuación musical de Miguel Torres e Luís Rey.
Esta actividade, que leva por nome 'Chocolate e baile cos nosos maiores' forma parte da completa programación deseñada polo Concello de Ames para o Nadal 2012, na que hai actividades para todos os públicos. Pensando nos maiores do municipio, o Concello organizou este baile no que, ademais de música en directo, haberá chocolate para todos. Este baile, no que se conta coa colaboración de Feiraco, organízase co obxectivo de que sexa un espazo de encontro e de lecer no que os veciños e veciñas maiores, e os non tan maiores, ademais de bailar, se relacionen cos amigos e coñecidos.
Co obxectivo de facilitar a asistencia, o Concello porá en marcha un servizo de autobuses, que sairán ás 17,30 horas. Haberá tres puntos de saída: o supermercado El Árbol, no Milladoiro, a igrexa de Agrón e a da Ameixenda.