Pestanas principais

O pavillón de Bertamiráns acollerá este sábado o terceiro campionato de patinaxe artística das escolas deportivas

Xoves, 12 de abril de 2012

[12-04-2012] Este sábado 14 de abril terá lugar no pavillón polideportivo de Bertamiráns a terceira edición do campionato de patinaxe artística que se celebra dentro do programa das Escolas Deportivas Municipais. O terceiro encontro de patinaxe reunirá a máis de 200 participantes das escolas deportivas de Ames, Brión e La Salle. Na competición individual participarán arredor de 52 nenos/as, mentres que na modalidade de grupo competirán 17 grupos formados por 10 ou 12 persoas. Ademais, haberá exhibicións individuais, a cargo dos patinadores profesionais Brais Abad e Nadia Iglesias, e de grupos a cargo do Club de Patinaxe Campus Stellae, o Club Deportivo Fontiñas e o Club Patinaxe Compostela. A competición desenvolverase en horario de mañá, entre as 10:30 h e as 14:00 horas, e pola tarde de 16:30 h a 20:00 horas.

A patinaxe é unha das actividades con maior éxito de participación dentro das Escolas Deportivas Municipais. Para consolidar esta tendencia este sábado terá lugar o terceiro campionato de patinaxe artística das escolas deportivas, tras o éxito do celebrado o curso pasado, sempre procurando dar un salto de calidade e de cantidade que faga este deporte atractivo a nenos e adultos. Nesta nova edición da competición participarán máis de 200 nenos e nenas, das escolas deportivas de Ames, Brión e La Salle, tanto en coreografías de grupo como en individuais. Agárdase contar cun gran número de espectadores ao longo das máis de seis horas que, entre a mañá e a tarde, durará o evento.

O espectáculo mestura música, baile, coreografías, colorido, música e emocións. A partir das 11:00 horas da mañá competirán os nenos e nenas participantes en bailes de grupo. Hai que destacar que as portas do pavillón abriranse ás 10:30 horas para que o público asistente se vaia acomodando nas gradas. Nesta modalidade participarán 17 grupos formados por 10 ou 12 persoas cada un. Cada coreografía deberá durar entre dous e dous minutos e medio. Trala competición haberá bailes de exhibición a cargo do Club de Patinaxe Campus Stellae, o Club Deportivo Fontiñas e o Club Patinaxe Compostela. Arredor das 13:30 horas realizarase a entrega de trofeos e medallas aos gañadores/as.

Pola tarde, a partir das 16:30 horas, desenvolveranse as actuacións individuais. Participarán 52 nenos e nenas que competirán en catro categorías diferentes segundo a idade. Ademais, terá lugar a actuación de dous patinadores profesionais como son Brais Abad e Nadia Iglesias. A entrega de premios realizarase arredor das 19:30 horas. No evento participarán tres xuíces que serán quen valoren a calidade artística dos nenos e as nenas participantes.

Ao final do evento realizarase o sorteo de unha tablet e de varios vales regalo para gastar nas tendas deportivas de Ames. Os nenos e nenas que participen neste campionato de patinaxe tamén recibirán un pequeno agasallo por parte da organización.

Con este evento a patinaxe consolídase como unha disciplina referencial dentro das Escolas Deportivas Municipais. Desde a organización preténdese que este evento represente o traballo do conxunto das Escolas Deportivas do Concello e a través del se transmita e dea a coñecer o esforzo, a dedicación e a profesionalidade tan importantes para a educación dos nenos que serán o futuro do Concello e da sociedade.