Pestanas principais

O Pavillón de Bertamiráns acollerá este sábado o primeiro Maratón Fitness Solidario

Mércores, 25 de decembro de 2013

[25-12-2013] O Concello de Ames e Serviocio, concesionaria da xestión do Centro Deportivo Municipal A Telleira, organizan para este sábado, 28 de decembro, a primeira edición do Maratón Fitness Solidario. Neste evento deportivo, que se desenvolverá dende as 11:00 horas no pavillón polideportivo de Bertamiráns, haberá actividades dirixidas de Fit Zumba, Body Combat e Sh´ Bam. Trátase dunha xornada lúdica, festiva e deportiva na que poderán participar nenos/as e adultos/as, á vez que colaboran nun acto solidario. A inscrición será gratuíta doando alimentos non perecedoiros.

O obxectivo é organizar, nestas datas tan sinaladas e de solidariedade, un maratón de actividades no cal se poida gozar dunha xornada lúdica e de actividade física na cal os participantes colaboren achegando comida non perecedoira. As actividades deste maratón están dirixidas a todas as persoas usuarias do Centro Deportivo A Telleira, así como a familiares, amigos, e a todos os cidadáns e cidadás de Ames, sen restricións de idade.

O maratón consta de tres actividades, impartidas polos traballadores de Serviocio, nas cales se intentará implicar ao maior número de persoas sen restricións de material didáctico de apoio. Serán actividades bailadas e divertidas para todos os públicos e idades. Deste xeito, intentarase favorecer a participación de todos os membros da familia. As actividades terán unha duración de 45 minutos aproximados e estarán destinadas a todos os públicos.

Fit Zumba, Body Combat e Sh´ Bam
Para os nenos e nenas haberá Fit-Zumba. Trátase dunha actividade na que se baila ao son da música e que está adaptada a idades infantís de 6 a 11 anos. Os rapaces e rapazas poderán estar acompañados dos pais ou nais. Disporá dunha duración aproximada 45 minutos.

Por outra banda, impartiranse unha sesión de Body Combat. Esta é unha das actividades máis demandadas no Centro Deportivo Municipal A Telleira. Trátase dun programa de adestramento cardiovascular inspirado nas artes marciais, co que se liberaran grandes doses de adrenalina. Os seus movementos derivan dunha gran variedade de disciplinas, como Karate, Boxeo, Tae Kwon Do, Tai Chi e Muay Thai.Para os adultos impartirase Sh´ Bam. É un programa divertido que combina movementos de baile sinxelos. Trátase dunha actividade na que os participantes poderán bailar ao ritmo dos éxitos máis actuais, da música dance que máis se escoita nas discotecas, música latina moderna e versións de grandes éxitos.