[07-06-2017] Este sábado, 10 de xuño, ás 11:00 horas, desenvolverase no pavillón polideportivo de Bertamiráns unha masterclass solidaria de pilates co obxectivo de recadar fondos para o programa Vacacións en Paz que xestiona a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS). Esta actividade estará dirixida e supervisada tanto por unha persoa titulada en pilates, como por fisioterapeutas colexiadas. O prezo é de 5 euros que se doarán integramente a SOGAPS.
A masterclass terá lugar no pavillón polideportivo de Bertamiráns. Comezará ás 11:00h da mañá, pero recoméndase chegar ás 10:45h por temas organizativos. A duración aproximada será dunha hora. O prezo será de 5 euros que se doarán integramente a SOGAPS. Para facer as inscricións e solicitar información chamar ao 654 076 802 ou enviar un correo electrónico a andrea.tedin@gmail.com
O Concello de Ames colabora un ano máis co programa Vacacións en paz, que leva a cabo a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Este ano sufragará o billete de avión de seis rapaces e rapazas que pasarán os meses de xullo e agosto en Ames. Grazas a este acordo o Concello de Ames achega 5.340 euros (890 euros por cada billete de ida e volta). O Concello actúa de mediador entre as familias e esta asociación para xestionar a estadía dos nenos/as saharauís en Ames.
A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, anima á veciñanza “a participar nesta actividade deportiva que ten un claro obxectivo solidario en favor da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e concretamente para desenvolver o programa Vacacións en Paz”. Este programa preséntase nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente rica aos nenos e nenas saharauís. Trátase de ofrecerlles a estes cativos, que naceron nun clima de guerra, a posibilidade de coñecer outros xeitos de vida, de maneira que iso contribúa, a súa formación.
Luísa Feijóo remata dicindo que “aínda que somos conscientes de que esta non é a solución o problema do pobo saharauí, dende o goberno municipal seguiremos apostando por colaborar no que poidamos. Este ano ao igual que en 2016 o Concello de Ames sufraga a viaxe de 6 nenos e nenas que estarán en Ames este verán. En 2015 pagáronse 2 billetes de avión polo que se triplicou o gasto que fai Ames neste eido. A intención deste goberno é seguir nesta liña e de cara aos vindeiros anos queremos manter a colaboración que temos con SOGAPS Galicia porque isto permite que varios nenos e nenas do Sáhara poidan convivir con familias do noso municipio”.




