Pestanas principais

O pavillón de Bertamiráns acolle este sábado o VII Encontro de patinaxe das Escolas deportivas

Xoves, 28 de abril de 2016

[28-04-2016] Este sábado, 30 de abril, terá lugar o VII Encontro de patinaxe das Escolas deportivas do Concello de Ames. O evento celebrarase no pavillón polideportivo municipal de Bertamiráns. Un total de 12 grupos participarán pola mañá na competición por equipos, e 82 rapazas e 5 rapaces tomarán parte pola tarde na competición individual. Ademais da competición, varios clubs e patinadoras realizarán exhibicións.

As portas do pavillón municipal abriranse ás 10:30 horas. Ás 11:00 horas as nenas e nenos das escolas de patinaxe desfilarán polo pavillón. Dez minutos despois sairá á pista o primeiro equipo -chegado do Concello de Brión- do nivel 1 de competición grupal coa exhibición “Mario Kart”. Nesta categoría e nivel participan 6 equipos máis con sendas mostras: “Cazapantasmas”, dun equipo de Bertamiráns, “Barockuta”, de Barouta, “A Millóns de anos luz”, do Milladoiro, “Cosa Nostra”, de Barouta, “Surcando o Mar”, de Milladoiro e “Fábrica de Caramelos”, de Bertamiráns. Despois das demostracións dos equipos de nivel 1 o club de patinaxe Sarela ofrecerá a exhibición “Frecuencias”.

Ás 12:00 horas comezan as rapazas e rapaces do nivel 2 de competición grupal. Abre o equipo de La Salle, do concello de Santiago de Compostela, con “Dun mundo moi lonxano”. A continuación un equipo de Bertamiráns compite con “Comeza o novo ano”, outro de Brión presenta “Transportando Movemento”, un de Bertamiráns participa con “1974” e remata esta fase un grupo do Milladoiro con “Os Minions”. O club de patinaxe artística Omega protagonizará a segunda exhibición da mañá, ás 12:30 horas, con “Onde está Wally?”. Ás 12:40 horas as e os participantes da fase de competición por equipos desfilará ante o público e farase entrega dos diplomas.

Fase de competición individual
Ás 16:00 horas abriranse de novo as portas do pavillón para acoller a fase de competición individual, na que participan rapaces e rapazas das escolas deportivas do Milladoiro, de Barouta e de Bertamiráns. As persoas participantes desfilarán ás 16:30 e a continuación comezarán as exhibicións do nivel 1. Neste nivel compiten 19 rapazas e 9 rapaces. Ás 17:30 horas comezarán as actuacións das 19 alumnas de nivel 2. A continuación Martiña Bretaña, patinadora da categoría benxamín do club de patinaxe artística Omega, e Inés Peña, tamén da categoría benxamín deste mesmo club, realizarán sendas exhibicións.

Ás 18:15 horas é a quenda das 22 rapazas do nivel 3, ás que seguiran as 17 rapazas e 1 rapaz do nivel 1. Nos dous últimos niveis, 5 e 6, compiten 2 e 3 rapazas respectivamente. Tras elas pecharán esta fase final as exhibicións de Aldara Couce, patinadora da categoría alevín do club de patinaxe Sarela, María Torre, da categoría infantil do club de patinaxe artística Omega, María Peña, da categoría infantil do club de patinaxe Sarela, e Nadia Iglesias, patinadora da categoría xuvenil do club de patinaxe artística Maxia.

O VII Encontro de patinaxe finalizará ás 20:45 horas coa entrega de trofeos e o desfile dos patinadoras e patinadores que participaron desta fase individual. O club de patinaxe artística Omega, responsable de impartir a modalidade de patinaxe das Escolas deportivas de Ames, é o organizador, coa colaboración do Concello de Ames, deste encontro que reúne a todas as persoas novas amesás amantes deste deporte.