Pestanas principais

O pavillón de Bertamiráns acolle este sábado o IV Trofeo de Kárate Concello de Ames

Xoves, 22 de marzo de 2012

[22-03-2012] O pavillón polideportivo de Bertamiráns acollerá, este sábado 24 de marzo, a cuarta edición do Torneo de Karate Concello de Ames, no que se darán cita 7 clubs de Ames e da comarca. Arredor de 160 deportistas competirán nas categorías de benxamín, alevín, infantil, xuvenil e cadete (feminino e masculino). O torneo comezará ás 16:30 horas e está dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 15 anos que competirán nas modalidade de kata individual e kumite. Esta competición está organizada polo Club Deportivo Karate Ames en colaboración coa Concellaría de Deportes e Tempo Libre e Voluntariado.

O pavillón polideportivo de Bertamiráns será a sede, un ano máis, do Torneo de Karate Concello de Ames. Nesta ocasión o público asistente poderá gozar da exhibición da modalidade de kata individual e kumite xuvenil e cadete. Arredor de 160 deportistas xuntaranse neste torneo que se desenvolverá entre as 16:30 h e as 21:00 horas aproximadamente. Os amantes desta actividade, así como os curiosos aos que lles guste este deporte tan vistoso, teñen unha cita con esta arte marcial esta fin de semana en Bertamiráns.

Neste torneo xuntaranse 7 clubs da comarca. Os clubs que participan nesta competición son o Club Karate Vedra, Club Cluny, Shorinji Escarabote, Club Coto de Negreira, Club Inmaculada de Santiago de Compostela, Club Squash do Milladoiro e Club deportivo Kárate de Ames. Os participantes teñen entre 4 e 15 anos de idade e divídense nas categorías benxamín, alevín, infantil, xuvenil e cadete. Haberá competición tanto na categoría feminina coma na masculina.

A competición levarase a cabo nas modalidades de kata e kumite ("combate" en xaponés). Na modalidade de kumite só participarán os rapaces e rapazas da categoría xuvenil e cadete. Na primeira modalidade os participantes compiten en solitario, nun exercicio individual cun contrincante imaxinario, levando a cabo movementos de defensa e contraataque. Neste tipo de exercicios mídese a potencia, a calidade técnica e a destreza do participante nos seus movementos.

Na modalidade de kumite competirase en parellas, nun combate sen contacto entre ambos os dous membros. Os rapaces irán en todo momento protexidos con casco, peto, luvas e outros elementos de seguridade. Ademais, está prohibido tocar o casco do rival, prevéndose sempre a protección da integridade física dos participantes.

Cada modalidade contará coas cinco categorías. A competición organizarase de xeito que se levarán a cabo todas as probas de cada categoría e a entrega dos trofeos destas antes de lle dar paso á seguinte.