[08-04-2011] O III Trofeo de Kárate Concello de Ames terá lugar este sábado, ás 16:00 horas, no pavillón polideportivo de Bertamiráns. Esta iniciativa está organizada polo Club Deportivo Karate Ames en colaboración coa Concellaría de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico. As súas dúas anteriores edicións contaron cunha notablemente boa acollida, e por iso o Concello volve apoiar con forza este deporte e este tipo de eventos.
O kárate é unha arte marcial universal, que practican tanto grandes como pequenos, homes ou mulleres sen ningún tipo de discriminación. Os amantes desta actividade, así como os curiosos aos que lles guste este deporte tan vistoso, teñen unha cita con esta arte marcial esta fin de semana en Bertamiráns.
O II Trofeo de Kárate Concello de Ames terá lugar no pavillón polideportivo municipal de Bertamiráns este sábado dende as 16:00 horas ata aproximadamente as 20:30 h. ou 21:00 horas, dependendo do tempo que leve cada categoría. Hai preto de 200 rapaces inscritos de varias zonas de Galicia (Ames, Negreira, Valga, Santiago, Teo e Boiro). Os participantes teñen entre 4 e 13 anos de idade e divídense nas categorías benxamín, alevín, infantil e xuvenil.
A competición levarase a cabo nas modalidades de kata e kumite ("combate" en xaponés). Na primeira modalidade os participantes compiten en solitario, nun exercicio individual cun contrincante imaxinario, levando a cabo movementos de defensa e contraataque. Neste tipo de exercicios mídese a potencia, a calidade técnica e a destreza do participante nos seus movementos.
Na modalidade de kumite competirase en parellas, nun combate sen contacto entre ambos os dous membros. Os rapaces irán en todo momento protexidos con casco, peto, luvas e outros elementos de seguridade. Ademais, está prohibido tocar o casco do rival, prevéndose sempre a protección da integridade física dos participantes.
Cada modalidade contará coas catro categorías. A competición organizarase de xeito que se levarán a cabo todas as probas de cada categoría e a entrega dos trofeos destas antes de lle dar paso á seguinte. Ademais, todos os rapaces recibirán unha medalla que recoñecerá a súa participación nesta terceira edición do Trofeo de Kárate Concello de Ames.