[26-12-2013] O paso do temporal Dirk pola comunidade galega deixou no municipio de Ames un rexistro de máis de 50 incidencias entre as que destacaron as caídas de árbores de pequeno tamaño, os problemas no alumeado público, ou as subidas de nivel de auga rexistradas en varios puntos do paseo fluvial de Bertamiráns e nas zonas do Ameneiral, Ponte Lapido, Tapia ou Pontemaceira.
Ao longo da madrugada do martes e desa mesma xornada, persoal da brigada de obras municipal estivo levando a cabo labores de tala de árbores e arranxos no alumeado, unhas tarefas que continuaron durante o día de Nadal e que proseguen hoxe. Este traballo sumouse ao da Policía Local de Ames, que levou a cabo unha intensa labor de vixilancia e respondeu a todos os avisos realizados durante estas xornadas pola poboación amiense.
O persoal da brigada de obras tivo que realizar tala de árbores en distintos puntos do municipio entre os que se atopan: Ameixenda, Cobas (na estrada que une Barcia e a autovía), urbanización Agro do Muíño, lugar de Agrela, Tarrío, o Castro de Ortoño, zona de Os Batáns, Eirapedriña, urbanización Aldea Nova, Portanxil ou Castiñeiro do Lobo. Estas árbores, na súa maioría de pequeno tamaño, obstaculizaban diferentes vías e impedían o paso de vehículos. Tamén se tiveron que retirar algunhas árbores na zona do Ameneiral e na Travesía do Porto, no Milladoiro.
Os operarios tamén acometeron arranxos eléctricos no alumeado público de zonas como Aldea Nova ou distintos puntos da Avenida da Maía, en Bertamiráns. A forte intensidade do vento provocou a caída de sinais de tráfico e que outras quedasen dobradas. O vento tamén afectou a semáforos, farolas e carteis publicitarios de Bertamiráns e do Milladoiro.
Ademais do vento, as intensas choivas que caeron en Ames provocaron un corremento de terras sobre un camiño situado en Barreiro, parroquia de Bugallido, e anegamentos no paseo fluvial de Bertamiráns, especialmente na zona da Condomiña.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "O paso do temporal provocou en Ames máis de 50 incidencias"