Pestanas principais

O paseo fluvial de Bertamiráns acollerá durante toda a xornada do sábado un mercado de artesanía e produtos da horta que levará por nome ArteSan

Luns, 20 de maio de 2013

[20-05-2013] Bertamiráns acollerá este sábado, 25 de maio, un mercado de artesanía e produtos da horta de proximidade bautizado como ArteSan, que estará situado no paseo fluvial e que contará con postos que ofertarán produtos artesanais e de horta, así como actividades relacionadas co comercio xusto, cultivos ecolóxicos ou música. Esta actividade, organizada pola Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB) e na que colabora o Concello de Ames, desenvolverase entre as 11:00 e as 21:00 horas. O obxectivo desta novidosa iniciativa é promover o comercio de proximidade e a economía social.

O mercado 'ArteSan' estará composto por postos de froitas, verduras, hortalizas, complementos, téxtil, cosmética natural, xoias, etc. Ademais, ao longo de toda a xornada desenvolveranse actividades gratuítas nas 'jaimas' municipais, que estarán situadas no paseo fluvial á altura da rúa Entrerríos.

As actividades gratuítas comezarán ás 11:30 horas da mañá. A esta hora levarase a cabo un coloquio sobre comercio xusto, que correrá a cargo da cooperativa Equisol. Seguidamente, entre as 12:00 e as 13:00 horas, terá lugar a actividade 'A cantar e a xogar', que consiste nun concerto de música para bebés que realizará Marcela Rubiano.

Xa pola tarde, as actividades gratuítas continuarán ás 18:00 horas coa elaboración de mesas de cultivo por conta de Madreselva Xardinería Ecolóxica. Para esta iniciativa, que se estenderá ata as 19:00 horas, será necesaria inscrición previa o mesmo día do mercado no propio stand de Madreselva. Por último, as actividades relacionadas co mercado 'ArteSan' rematarán ás 20:00 horas cun concerto de 'cuencos tibetanos', que correrá a cargo de Gabriela Acosta.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Divulgan la artesanía y huerta típicas en el área de Ames y Lalín"