[12-06-2014] O Centro Ecuestre Val da Maía, en colaboración co Concello de Ames e a Deputación da Coruña, organizaron para este sábado, 14 de xuño, o VII Concurso de Saltos Val da Maía, que se desenvolverá no paseo fluvial de Bertamiráns. Este evento organízase en favor de Cáritas Parroquial San Juan de Ortoño. O concurso comezará ás 11:00 h coa primeira proba e rematará arredor das 19:00 horas. Haberá sete probas ao longo de todo o día. Os tres primeiros clasificados recibirán un trofeo e unha escarapela. Ademais, haberá unha exhibición de volteo. A entrada será libre e gratuíta.
Este sábado, 14 de xuño, o paseo fluvial de Bertamiráns acollerá a sétima edición do Concurso de Saltos Val da Maía, que organiza o Centro Ecuestre Val da Maía. Este evento conta coa colaboración do Concello de Ames e a Deputación da Coruña, así como varias empresas e establecementos comercias.
Neste momento, máis de 100 xinetes e amazonas xa confirmaron a súa asistencia a este concurso hípico. Haberá sete probas ao longo de todo o día. As categorías establécense segundo o nivel hípico de cada un dos participantes e a altura dos obstáculos que terán que saltar os cabalos. Participarán xinetes e amazonas de idades moi diferentes. Neste momento hai inscritos varios nenos e nenas a partir de 3 anos e moitas persoas adultas.
As inscricións poderán realizarase ata o sábado, 14 de xuño, pola mañá. Para iso haberá que enviar un correo electrónico ao enderezo ecuestremahia@gmail.com. A inscrición na proba de cruzadas – gymkana e de salto de 0,50 metros ten un custo de 15 euros, mentres que para inscribirse na proba Maxi-Mini cada participante do binomio terá que pagar 10 euros. A inscrición no resto de probas ten un prezo de 20 euros. Cómpre destacar que esta iniciativa organízase en favor de Cáritas Parroquial San Juan de Ortoño. A entrada a este evento será libre e gratuíta durante todo o día.
Programa do concurso
O evento comezará ás 11:00 horas coa proba de cruzadas – gymkana. De seguido, ás 12:15 horas desenvolverase a proba de salto de 0,50 metros. Despois, ás 13:30 horas, realizarase a proba de salto de 0,80 metros. A última proba da mañá será ás 14:30 horas na que os cabalos terán que saltar obstáculos de 1,00 metro. Unha vez rematada cada proba entregaranse os trofeos os/as gañadores/as de cada unha das categorías.
Xa pola tarde o concurso comezará ás 16:00 horas coa proba de 1,10 metros que está patrocinada polo Concello de Ames. Unha hora e media máis tarde, ás 17:30 h, dará comezo a proba Maxi-Mini, que consiste en completar un percorrido de relevos por parte dunha parella formada por un cabalo e un poni. A última proba do día será a de salto de 1,20 metros. Entre a primeira fase da última proba e a fase de desempate, desenvolverase unha exhibición de volteo, que é algo semellante a facer ximnasia rítmica, pero no lombo dun cabalo.
O equipo técnico estará composto polo xuíz Luís Barrena e polas xuízas Pilar Amor e Ana Aurora González. O xefe de pista será José Lavandeira e de speaker fará Federico Pérez-Lago.
Premios
Os primeiros tres clasificados de cada proba recibirán un trofeo e unha escarapela. Na proba de cruzadas – gymkana os tres primeiros clasificados recibirán unha medalla e unha bolsa de lambonadas, mentres que na categoría de 0,50 metros entregaráselle un trofeo, unha escarapela e un pack de agasallos de Horse Dreams-Nici aos tres primeiros clasificados.
Por outra banda, na proba de 0,80 metros haberá escarapelas e trofeos para os tres primeiros, así como un camión a gasolina teledirixido ou unha casa de monecas para o primeiro; un drone teledirixido para o segundo; e un xogo de mesa 9 en 1 para o terceiro clasificado. Na categoría de 1,00 metro haberá escarapelas, trofeos e un cheque regalo de 140 euros, 90 euros e 50 euros para os tres primeiros.
Na categoría de 1,10 metros o/a 1º clasificado/a recibirá 200 euros; o/a 2º clasificado/a gañará 100 euros; e o/a 3º clasificado/a será obsequiado con 50 euros. Ademais os tres gañadores/as desta categoría recibirán unha escarapela e un trofeo. Na proba Maxi-Mini os tres primeiros clasificados recibirán unha mantilla para os seus cabalos, e segundo a posición serán obsequiados cunha manta, orelleiras, e unha fusta para os ponis.
Por último, na categoría de 1,20 metros o/a 1º clasificado/a recibirá un premio de 400 euros e dúas entradas para ver en Barcelona, entre o 9 e o 12 de outubro, a Final da Copa de Nacións; o/a 2º clasificado/a levará un premio de 200 euros; e o/a 3º clasificado/a será premiado/a con 100 euros. Os tres premiados/as levarán tamén a correspondente escarapela e trofeo.
Ademais, Casa Lola encargarase do servizo de catering e haberá un stand dunha protectora de animais, para ofrecer información ás persoas que desexen adoptar algún animal.




