Pestanas principais

O pasado ano Ames aumentou ata 1.477 o número de doazóns de sangue

Luns, 18 de xullo de 2016

[18-07-2016] O número de doazóns do pasado ano aumentou respecto a 2014. A veciñanza amesá segue respondendo ás chamadas de solidariedade e acude cada mes aos puntos de Bertamiráns e do Milladoiro, onde se sitúan as unidades móbiles do Centro de Transfusión de Galicia (CTG). Se en 2014 a ratio de doazóns por cada 1.000 habitantes era de 46, no 2015 aumento ata 69. No pasado exercicio contabilizáronse 98 doazóns máis, alcanzando un total de 1.477. A Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda manter unha taxa de entre 40 e 60 para cubrir as necesidades de hospitais e centros de saúde.

En Ames hai actualmente censadas como doadoras 2.873 persoas. Dende o ano 1993 as unidades móbiles do CTG acoden ao municipio para facilitar aos e ás doaras o seu xesto de solidariedade. Dende entón o CTG rexistrou en Ames 14.001 doazóns de sangue. A modo de exemplo: con estas doazóns poderíanse levar a cabo 7.000 intervencións cirúrxicas ou transfundir plaquetas a máis de 2.300 persoas enfermas de cancro ou leucemia.

Se no ano 2014, 1.379 persoas achegáronse a Bertamiráns ou Milladoiro para doar, no 2015 fixérono 1.477. O Concello de Ames, e a través del tamén o CTG, quere animar á veciñanza a continuar facéndoo. O verán é a época no que se rexistra o menor número de doazóns de sangue, coa consecuente dificultade para acadar a cantidade de sangue precisa para todas as persoas enfermas nos hospitais e centros de saúde.

Dende o ano 2003 o número de doazóns foi medrando de xeito considerable. Deste xeito, pasouse das 348 doazóns do ano 2003 ás 1.521 rexistradas en 2013, que foi o número máximo de doazóns acadadas en Ames. A evolución dos datos foi a seguinte: 448 en 2004; 509 en 2005; 520 en 2006; 442 en 2007; 893 en 2008; 897 en 2009; 1.019 en 2010; 1.261 en 2011; 1.391 en 2012; 1.521 en 2013; 1.379 en 2014; e 1.477 en 2015.

No mes de agosto, unha vez máis, unha unidade móbil da CTG acudirá o mércores 17 e o xoves 18 ao Milladoiro, e o luns 22 e martes 23 a Bertamiráns. No Milladoiro situarase na rúa Curuxa, ao carón do supermercado El Árbol, e en Bertamiráns estacionará na praza da Maía. O horario para as doazóns será de 9:30 a 14:30 horas e de 15:30 a 21:00 horas en ambos núcleos urbanos. Lémbrase que non se debe acudir sen almorzar e que se debe levar o DNI, ou documento similar, e a tarxeta de persoa doante, en caso de tela.