[28-06-2016] O Partido Popular renovou o pasado domingo a súa posición como lista máis votada no concello de Ames. A coalición formada por Podemos-En Marea-ANOVA-EU, o PSdeG-PSOE e Ciudadanos posicionanse como segunda, terceira e cuarta forza respectivamente. O PP e o PSdeG aumentan o número de votos respecto a cita electoral do mes de decembro.
O pasado domingo, 27 de xuño, a veciñanza amesá acudiu aos colexios electorais para exercer o seu dereito nas eleccións xerais. Un total de 16.073 persoas estaban chamadas a votar. A participación, respecto ás eleccións de decembro de 2015, descendeu un 4,26%. Unhas 7.010 persoas decidiron non acudir ás urnas. O 1,16% da poboación amesá emitiu un voto nulo, 186 persoas en total, e o 1% da poboación, 159 persoas, escolleron votar en branco.
O Partido Popular volve ser a forza política máis votada, mellorando incluso o resultado que acadara nas eleccións do 20 de decembro de 2015: 467 votos máis. Con 5.380 votos foi apoiado polo 33,86% da poboación. Pola súa banda a coalición podemos-En Marea-ANOVA-EU continúa a ser a segunda forza máis votada polos amesáns e as amesás, co 27.3% das papeletas. Nesta convocatoria electoral perdeu o apoio de 871 votantes.
O PSdeG, coma o PP, consigue un maior número de apoios, 176 votos máis, que en decembro: 3.214 persoas ou o 20.23% da poboación apoiaron ao partido socialista. Ciudadanos é o cuarto partido e último partido que acadou máis de 1.000 apoios entre a poboación amesá. O partido non obstante perdeu 326 votos respecto á pasada convocatoria: foi votado polo 12.33% da poboación; 1.959 persoas.
BNG-Nós volve situarse na quinta posición na lista de partidos máis votados, perdendo 299 votos respecto ás pasadas eleccións. Recibiu, con 485 papeletas, o 3,05% dos votos en Ames. PACMA sígueo con 221 votos, sendo o último partido político en acadar máis de 100 votos, e mellorando o seu resultado de decembro en 89 apoios.
Á cola da lista sitúanse Recortes Cero-Grupo Verde, que mellorou os seus resultados con 50 papeletas, VOX, que tamén aumentou o seu número de apoios acadando 44 votos, o Partido Comunista dos Pobos de España, que descendeu e obtivo 20 papeletas e, o último da lista, o partido SAIn con 18 votos.




