[14-03-2015] O paro en Ames descendeu en febreiro un 8,047 por cento con respecto ao ano anterior, febreiro de 2014. O actual número de persoas desempregadas é de 2.708, segundo o último informe da Consellería de Traballo da Xunta, cifra que afecta un pouco máis ás mulleres cós homes: 1.469 fronte a 1.239, acaparando elas o 54,25 por cento. Por rango de idade, as mulleres figuran de forma predominante entre os 25 e 44 anos, mentres que o paro nos homes acumúlase máis entre os maiores de 45 anos. Os descensos máis acusados sitúanse nos sectores da construción e a industria, con senllas baixadas do vinte e o catorce por cento.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, valora de forma “moi positiva” estes datos, xa que logo dun “mínimo repunte durante os últimos meses, vólvese á tendencia que marcou case todo o 2014 de creación de emprego”. “En Ames –agrega o rexedor–, que é un concello cun peso moi importante da poboación traballadora e asalariada, precisamos manter a raia as contas municipais como garantes de estabilidade, circunstancia que repercute no desenvolvemento económico do noso territorio como motor do emprego. De aí que para nós as políticas sociais e de conciliación sexan tan importantes, con accións que vimos incrementando durante toda a lexislatura”.
Orientación laboral, 1.611 consultas no ano 2014
Durante o 2014 o departamento de Emprego e Promoción Económica do Concello de Ames, situado en Bertamiráns, atendeu un total de 413 demandantes de emprego e 90 persoas demandantes de titorización e asesoramento para emprender un negocio no municipio. Ademais, realizáronse 94 itinerarios persoais de inserción laboral (IPIS).
No Milladoiro, no servizo de orientación laboral, realizáronse 524 entrevistas con usuarios dirixidos polo Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) e 146 entrevistas con persoas non dirixidas polo SPEG e usuarios sen cita previa. Leváronse a cabo, ademais, 281 entrevistas de deseño e seguimento a 63 usuarios con itinerarios personalizados de inserción.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Ames destaca la caída del paro en un 8% con respecto al pasado año"
La Voz de Galicia: "El paro se redujo en el municipio un 8 % en un año y registró 2.708 desempleados en febrero"




