[22-03-2012] O Goberno municipal de Ames acolleu con satisfacción a aprobación por unanimidade esta mañá na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos da proposición non de lei, presentada polo Grupo Parlamentario Popular, pola que se insta á Xunta de Galicia a proceder á mellora e ampliación, coa máxima urxencia, da EDAR de Sisalde, en Bertamiráns.
O texto definitivo, que foi aprobado con modificacións a partir da iniciativa parlamentaria do deputado popular Daniel Varela, refírese literalmente a actuación que debe levar a cabo o Goberno galego para o impulso da tramitación do expediente ambiental da nova estación depuradora de augas residuais de Santiago de Compostela, así como a execución da mellora e ampliación da de Bertamiráns, en Sisalde. No que se refire á EDAR de Sisalde, a proposición non de lei aprobada subliña que a Xunta de Galicia debe proceder "coa máxima urxencia".
Segundo o Goberno municipal, o compromiso expresado polo Parlamento galego apoia o labor realizado pola Xunta de Galicia en colaboración co Concello de Ames pola rexeneración do río Sar e a mellora das infraestruturas de saneamento. O Goberno de Ames salienta que o firme posicionamento do Parlamento ratifica que se está a traballar na dirección correcta xa que ao longo de 2012 Augas de Galicia terá rematada a redacción do proxecto de ampliación da Estación depuradora de augas residuais de Sisalde, tal e como foi anunciado hai un mes na visita oficial que o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, realizou á EDAR acompañado do alcalde Santiago Amor.
Os actuais responsables do Concello de Ames lembran que abordar hoxe en día a ampliación da EDAR é posible porque, cando se construíu hai máis de 10 anos, o goberno popular de entón xa fixo a previsión dos terreos necesarios para levala a cabo. Do mesmo xeito, o Goberno municipal asegura que agora é cando se producen avances significativos despois de 8 anos sen que os anteriores responsables do Concello deran dar unha resposta adecuada á ampliación da EDAR, a pesar das iniciativas presentadas polo Grupo Popular reclamando esta actuación.
Segundo as estimacións da Consellería de Medio Ambiente, a ampliación da EDAR implica un investimento de 6 millóns de euros. A nova infraestrutura que se proxecta poderá dar servizo a uns 30.000 habitantes, co que se corrixirá un dos principais problemas que presenta a actual EDAR do concello, que é precisamente o da súa capacidade. A infraestrutura hidráulica que funciona na actualidade foi inaugurada hai 10 anos, pensada para 13.000 habitantes e a día de hoxe uns 18.000 habitantes están conectados á mesma. Esta situación provoca unha saturación da EDAR, e que un 50% do caudal non pasa o proceso de depuración, ao tempo que se producen vertidos ao río Sar. A ampliación da EDAR de Sisalde, que ocupará uns 13.000 m2, vén a solucionar estas deficiencias.




