Pestanas principais

O padexeiro, Luís Guilbert, do Club de piragüismo Ribeiras do Tambre proclámase campión galego

Luns, 13 de xullo de 2015

[13-07-2015] O club Ribeiras do Tambre conseguiu uns magníficos resultados no campionato galego de alevíns e benxamíns, proba disputada o pasado sábado na localidade coruñesa de Narón. Cinco foros os padexeiros amienses que participaron neste campionato: Brais Pérez (benxamín), Clara Zaballa e Carla Cantelar (alevín B), Laura Ardións (alevín A) e Luís Guilbert (alevín A). Os amienses, chegaron a esta proba con moitas ganas, xa que era a primeira gran cita da temporada, á espera de que comece a Liga Provincial no mes de agosto.

Luís Guilbert participou na categoría masculina de alevín A. O padexeiro amiense chegou a esta proba coa intención de lograr un éxito similar ao acadado no 2014, onde se proclamou subcampión galego neste mesmo escenario de Narón. Unha colocación excelente na liña de saída, propiciou unha magnífica saída, que o levou a comandar o grupo en solitario desde os primeiros metros.

Cando chegou á primeira ciaboga, xa contaba cunha considerable vantaxe sobre os inmediatos perseguidores, que o levou a afrontar con certa tranquilidade os 1000 metros que aínda lle restaban. Na segunda ciaboga xa contaba con máis de 20 segundos de vantaxe e paseo triunfal ata a liña de meta, onde se proclamou campión galego.

Na clasificación final por clubs, o Ribeiras do Tambre, a pesar de presentarse en Narón con só 5 padexeiros, logrou o vixésimo posto, nunha clasificación formada por 31 clubs de toda a xeografía galega. Deste xeito, pódese dicir que o club amiense realizou unha magnífica actuación neste campionato galego disputado en Narón.