Pestanas principais

O Outono centrará a temática dos contacontos que realizará a Biblioteca municipal de Ames durante o mes de novembro

Luns, 11 de novembro de 2013

[11-11-2013] Este luns, 11 de novembro, comezan as actividades de animación á lectura do mes de novembro nas Bibliotecas municipais de Ames. Impartiranse varias sesións de contacontos, que están dirixidas aos nenos e nenas de máis de 3 anos. Os contacontos realizaranse nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Augapesada e Bugallido. A temática dos contos correspondentes ao mes de novembro será o Outono. Por outra banda, desenvolverase un obradoiro para nenos e nenas de máis de 8 anos que se levará a cabo o martes 19 de novembro na Biblioteca do Milladoiro e o mércores 20 na Biblioteca de Bertamiráns. A Biblioteca municipal de Ames tamén organiza un obradoiro de encadernación que está dirixido ás persoas adultas. Trátase dun curso no que se impartirán nocións para aprender a encadernar folletos, fascículos de revistas e para reparar libros vellos.

Detrás de cada libro agóchase un mundo por descubrir, historias que gozar, personaxes que coñecer. As actividades de animación á lectura que ofrecen as Bibliotecas municipais de Ames amósanlles aos rapaces e rapazas, mediante sesións de contacontos, a maxia que agochan os libros. Para un mellor funcionamento, as actividades están adaptadas ás idades dos nenos e nenas. Así, as sesións de contacontos están dirixidas especialmente aos nenos/as de entre 3 e 8 anos.

Durante este curso os contos non se centran nunha única temática senón que durante cada mes abordarase un tema distinto, sempre relacionado con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal dos máis cativos. Durante o mes de novembro a temática das sesións de contos xirará arredor do Outono. Estas actividades, como todas as demais que organiza a Biblioteca municipal teñen uns obxectivos claros: fomentar o hábito da lectura, especialmente entre os máis novos, e converter a biblioteca nun referente de encontro nun lugar axeitado para satisfacer as necesidades e inquietudes sociais, culturais, informativas e lúdicas da poboación amiense.

Estas actividades desenvolveranse nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Aguapesada e Bugallido. As sesións de contacontos comezan o luns, 11 de novembro, no local social de Augapesada, e continúan o martes 12 no local social de Bugallido. O mércores 13 de novembro tócalle a quenda aos usuarios/as da Biblioteca municipal de Bertamiráns, mentres que o xoves 14 celebraranse na Biblioteca municipal do Milladoiro. As sesións de contacontos comezarán en tódolos lugares ás 18:00 horas.

Grupo de animación da Residencia Geriatros
Ademais, durante este mes de novembro o grupo de animación da Residencia Geriatros da Fundación José Otero está colaborando coa Biblioteca municipal de Ames. Este grupo de avós, que está coordinado por Mónica Ríos e Cristina, imparte un contacontos sobre o Outono. Esta actividade xa tivo lugar o mércores, 6 de novembro, na Biblioteca municipal do Milladoiro e desenvolverase o 27 de novembro, ás 18:00 horas, na Biblioteca municipal de Bertamiráns. José Luís, Mercedes, Jesús, Delia e Manuela cóntanlles aos nenos e aos pais/nais o proceso de elaboración do pan de millo (dende a sementeira do grao ata como era a cocedura). Tamén falan das castañas, propias dos magostos e do Outono. Tralos contos os participantes incluso poden probar o pan de millo e as castañas.

Substitución de tóxicos no fogar
Por outra banda, durante o mes de novembro vaise realizar un obradoiro denominado Substitución de tóxicos no fogar. Esta actividade, que está dirixida aos nenos e nenas de máis de 8 anos, levarase a cabo o martes 19 de novembro na Biblioteca do Milladoiro e o mércores 20 na Biblioteca de Bertamiráns. Neste obradoiro os usuarios/as elaborarán ambientadores, insecticidas, etc. Todos estes produtos faranse dun xeito ecolóxico co fin de converter o fogar nun lugar máis natural. Esta actividade será impartida por persoal de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia).

Para participar neste obradoiro é necesario inscribirse previamente entre o 11 e o 16 de novembro. Para participar no obradoiro da biblioteca do Milladoiro haberá que inscribirse na propia biblioteca desta localidade ou chamando ao número de teléfono 981 530 807, mentres que para participar no obradoiro de Bertamiráns hai que realizar as inscricións nesta biblioteca, de xeito presencial, ou chamando ao número de teléfono 981 884 829.

Obradoiro de encadernación na biblioteca
A Biblioteca municipal de Ames organiza un obradoiro de encadernación que está dirixido ás persoas de máis de 18 anos. Trátase dun curso no que se impartirán nocións para aprender a encadernar folletos e fascículos de revistas. Ademais, os participantes tamén poderán aprender a reparar libros vellos (encadernación rústica). O prazo de inscrición para participar nesta actividade vai dende o 11 ata o 18 de novembro. As inscricións pódense realizar nas bibliotecas municipais de forma presencial ou chamando aos números de teléfono 981 530 807 ou 981 884 829. Ofértanse 14 prazas. As inscricións faranse por rigoroso orde de inscrición. Esta actividade ten un custe de 35 euros. A duración do curso é dun mes. Impartiranse tres horas semanais. Este obradoiro enmárcase dentro das actividades de adultos que organiza a Biblioteca municipal xunto co club de lectores.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "O Outono centrará a temática dos contacontos que realizará a Biblioteca municipal de Ames"