Pestanas principais

O orzamento de 2018 recolle a blindaxe dos servizos sociais e unha forte aposta polo investimento que recolle actuacións do plan Impulsa Ames da EDUSI

Xoves, 03 de maio de 2018

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación dos orzamentos municipais de 2018, despois de que fosen aprobados de xeito inicial na sesión plenaria de abril. A presentación destes presupostos correu a cargo do alcalde de Ames, José Miñones, da concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, e do concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil. Trátase dun presuposto que continúa coa blindaxe da área de servizos sociais, cun crédito que se aproxima aos 2.100.000 euros, apóstase por un forte incremento no capítulo dos investimentos, cunha partida de 4.300.000 euros, e refórzase a área de educación, a que se dedican 4.382.555 euros. Estas contas ascenden á contía de 24.700.942,22 euros.

O goberno municipal presentou esta mañá o novo orzamento para o exercicio 2018, que que se achega aos 25 millóns de euros, por primeira vez na historia deste Concello. Trátase dun presuposto que continúa coa blindaxe da área de servizos sociais, cun crédito que se aproxima aos 2.100.000€, apóstase por un forte incremento no capítulo dos investimentos, cunha partida de 4.300.000€, e refórzase a área de educación, a que se dedican 4.382.555€, sendo a segunda área en importancia que representa o 17,78% despois de servizos básicos con preto de 5.300.000€, un 21,38% da partida orzamentaria.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explicou que “para o goberno de Ames hoxe é un día especial, xa que presentamos os Orzamentos municipais 2018. Estes, do mesmo xeito, que os do 2017, veñen a romper a parálise na que estivo inmersa o Concello de Ames durante cinco anos. Desde o goberno municipal, continuamos a apostar por sacar cada ano un novos orzamentos. Desta maneira, aquí estamos case cumprindo o noso terceiro ano de lexislatura con dous orzamentos municipais aprobados. Trátase dun orzamento que está próximo aos 25 millóns de euros. É primeira vez que se acada esta cantidade no Concello de Ames. Este orzamento increméntase, con respecto ao do ano pasado, un 6%, tanto a cifra de ingresos como a de gastos”.

Genma Otero tamén dixo que “as operacións correntes de ingresos alcanzan a contía de 21.843.000 euros, mentres que as operacións correntes de gastos ascenden a 20.390.000 euros. Cos ingresos correntes que ten o Concello fináncianse a totalidade dos gastos correntes e aínda queda un excedente. Isto amosa que, efectivamente, son uns orzamentos equilibrados. É salientable desta cifra de gastos, o gasto de persoal, que reflicte a aposta do goberno polo emprego público, polo reforzo do mesmo, superando os 8 millóns de euros en gastos de persoal (32,89% dentro do orzamento total de gastos do Concello). Continúase, ampliase e mellóranse os servizos nas distintas áreas cunha dotación de 11.125.000€ para a partida de gastos correntes (Capítulo II) que representa a maior partida dentro do orzamento de gasto representando o 45,02%”.

A concelleira de Economía e Facenda tamén destacou que “no capítulo de ingresos continúase coa liña ascendente na recadación de impostos grazas ao aumento da poboación e do número de usuarias e usuarios dos servizos municipais. É dicir, prodúcese un aumento sen subir ningún tipo de imposto, nin taxa nin prezo público. Os impostos directos representan o 30,31%; as transferencias correntes doutras administracións son de preto de 7.900.000 euros (31,94%), isto amosa a capacidade de captación de recursos e de negociación do goberno municipal; as taxas e prezos públicos son o 25,13%; e as transferencias de capital das administracións para investimentos superan os 2 millóns de euros, representando un 8,59%”.

Blindaxe dos servizos sociais e aposta polas áreas de educación e investimentos
Na área de Servizos Sociais amplíase a contía destinada á Renda Social Municipal en 54.000€, chegando ata os 175.000€. Ademais, increméntase en 4.176 horas a prestacion do programa de Axuda no Fogar, o que suporá un incremento de crédito en 56.000€; dotarase dun peche e mobiliario ao local social de Firminstáns (35.000 €); continúase coa liña de subvencións de concorrencia competitiva para as entidades que colaboran na promoción e apoio social para persoas en situación de risco (40.500€); implantarase o programa de Xantar na Casa (18.000€); habilítase unha liña de subvencións para rehabilitación de infravivenda e accesibilidade (30.000€) e refórzase o gasto en persoal asociado a área de servizos sociais.

Na área educativa, un 32%, que son 1.402.417€, dedícanse á Rede Municipal de Comedores Escolares. Nesta contía está incluído o gasto en persoal, o pago a provedores, traballos de mantemento e reparación, etc. Ames é un dos poucos concellos galegos, por non dicir o único, que destina este importe económico para realizar unha xestión directa dos comedores escolares. Ademais, hai que sumar 130.000 euros que se dedicarán ao pago dos terreos que son necesarios expropiar para cedelos á Xunta de Galicia co obxectivo de construír un novo CEIP no Milladoiro, así como unha contía de 70.000 euros para dispor da parcela anexa ao IES de Bertamiráns e ampliar as zonas dotacionais próximas a este centro escolar.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explicou que “temos que poñer en valor o investimento que se fai dende este goberno á area educativa. As competencias en educación son competencia da Xunta de Galicia, agás os traballos de reparación e mantemento dos centros de ensino e da disposición de terreos para a construción de novas infraestruturas que é algo que ten que realizar o Concello. Pois ben, se temos en conta as obrigación municipais teríamos un gasto en educación de 400.000 euros. Deste xeito, estamos dedicando a esta área preto de 4 millóns máis do que nos corresponde xa que a partida da área educativa ascende a 4,3 millóns de euros, un 18% do total do orzamento de 2018, algo que non sucede en ningún outro concello de Galicia”.

Asemade, Santomil apuntou que “un de cada tres euros que se inviste en educación vai para o servizo de comedores escolares. Dende que este goberno chegou ao Concello incrementouse en 50 prazas por curso o número de usuarios/as dos comedores ata alcanza o máximo de 1.254 prazas ao que chegaremos de cara ao vindeiro curso escolar”.

Por outra banda, realízase un forte incremento que se fai no capítulo VI de investimentos pasando de 2.300.000€ no 2017 a 4.300.000€ neste orzamento de 2018, preto de 2.000.000€ máis de investimentos para este exercicio, un 84% máis de investimentos nas distintas áreas do Concello. Inclúese no orzamento as primeiras actuacións do proxecto Impulsa-Ames, da EDUSI, por importe de 1.245.000€ que irán destinados a investimentos nas áreas de urbanismo, servizos básicos, asistencia social, fomento do emprego, promoción turística e comercio, transporte colectivo urbano, sociedade da información, administración xeral e política económica e fiscal.

O alcalde, José Miñones, destacou “este ano como novidade o Orzamento de 2018 inclúe investimentos do Plan Impulsa Ames, da Estratexia DUSI, financiada pola Unión Europea con 6.250.000 euros, que se destinarán a diferentes investimentos ata o 2022. Neste 2018, fixemos os estudos necesarios, un deseño e unha auditoría dixital, para coñecer en que estado se atopa a administración electrónica e todo o referente ás Smart Cities no Concello. Unha actuación que se atopa, xustamente agora, a piques de rematar e que nos dará un mapa relativo á implementación de procedementos, que empezaremos a facer neste 2018 co que é a tarxeta cidadá. Este proceso abarcará ata o ano 2020, igual que a instalación de puntos de equipamentos wifi e ordenadores ou softwares necesarios para pór en marcha este capítulo que se inclúe no obxectivo temático 2”.

Amortización total da débeda bancaria
No orzamento de 2018 elimínase a partida destinada a amortizar a débeda bancaria, que en 2017 era de 676.000€ ao ano e no orzamento de 2012 era de 244.000 euros ao ano. Isto foi posible grazas a amortización dos préstamos bancarios e á cancelación total da débeda bancaria, aprobada no pleno de novembro, que ascendía a 2.770.000€. Tamén se realiza unha eliminación total dos gastos financeiros a pagar polos préstamos bancarios, que eran de 296.000€ (orzamento de 2012), 45.000€ (orzamento de 2017). Así tan só habilita no orzamento de 2018 unha pequena partida de 1.000€ para poder facer fronte a pequenos gastos que poidan xurdir por pequenas comisións de operacións bancarias.

Continúa a aposta pola área de deportes dotando a dito departamento dunha contía de máis de 1.000.000 euros para subvenciones dirixidas a clubs e entidades deportivas e para seguir ampliando e construíndo novos espazos deportivos, como as pistas de squash, o novo ximnasio do pavillón de Bertamiráns, a construción de pistas de tenis en Aldea Nova, a mellora da accesibilidade no pavillón do Milladoiro, etc. Deste xeito, increméntase esta partida nun 35,43% (275.000€) respecto ao crédito asignado en 2012 e nun 12,45% (116.000€) respecto do 2017.

Asemade, refórzase a área de parques e xardíns e de medio ambiente, que pasa de 665.487€ nos orzamentos de 2012 a 700.000 € no 2017, e increméntase a preto de 1.100.000€ neste orzamento 2018. Aumenta un 53,72% respecto do 2017 con actuacións importantes en investimentos e acondicionamentos de parques e xardíns. Habilítase unha partida específica nos orzamentos destinada ao Plan de prevención de incendios forestais no que se abre unha liña de axudas, rutas peonís... Tamén se recolle un incremento na área de cultura, que contará cun crédito total de preto de 1.400.000€, aumentando en 180.000€ respecto de 2017 (15,51%), co obxectivo de ampliar e consolidar a programación cultural, así como ampliando os proxectos do festival do Millarock e o festival de cine internacional Cinema Crianza, as actividades do servizo de normalización lingüística e as relacionadas coa área de mocidade, e patrimonio cultural.

Aposta polas políticas de emprego público
Refórzanse ás políticas de emprego público acadando o crédito asignado ao Capítulo I de persoal a cifra de 8.125.000€, incrementando a cifra en preto de 1.000.000€ (13,79%) respecto do orzamentado no 2012 (7.140.000€) e 230.000€ (2,87%) da cantidade orzamentada no 2017 (7.900.000 €). Tamén se aposta pola recuperación dos servizos públicos para estudar a municipalización dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración do Concello (45.000€) coa contratación de persoal técnico do Ciclo Integral da Auga para que leve un estudo e control do servizo.

Dende o goberno tamén destacaron que seguen dando cumprimento ao compromiso asinado coa Federación de Asociacións do Rural para reinverir en investimento no rural as cantidades recadadas polo proceso de regularización catastral, mediante o acordo coas asociacións veciñais do rural. Así, en 2018 investiranse 150.000€ recollidos neste acordo e 132.000€ dos Orzamentos Participativos.

Asemade, refórzase a área de fomento do emprego dotando un crédito de 120.000€ para un espazo Coworking. Dedicaranse 92.000€ para a adquisición dun local e 27.000 € para a adquisición do mobiliario do espazo Coworking, así como se asigna unha partida de 112.000 euros para a área de transporte público, coa finalidade de elaborar un plan de mobilidade e para as xornadas de mobilidade que se enmarcan dentro da Estratexia DUSI. Tamén se fai un forte investimento en estradas e camiños veciñais no rural cunha dotación de 1.150.000€, incrementando os investimentos en 820.000€ respecto do orzamentado en 2017 (250,56%) e preto de 500.000€ máis que no orzamentado no exercicio 2012.

Aposta pola sociedade da información
Cómpre salientar tamén a forte aposta que se fai pola sociedade da información cunha dotación orzamentaria de preto de 500.000€, 230.000€ máis que no orzamento do 2012 (96,79%) e 265.000€ máis que no orzamento de 2017 (128,95%), incluíndo actuacións coma a posta en marcha dunha nova web municipal, actividades formativas impartidas na Aula Cemit, e a programación de actividades da radio municipal, así como actuacións enmarcadas na Estratexia DUSI como a implantación de procedementos de administración electrónica (150.000€), instalación de radioenlaces e equipamento de modem WiFi e de ordenadores cos periféricos necesarios a todos os equipamentos públicos existentes no municipio (20.000€),  dispositivos de sensorización presencial en farois e outras instalacións municipais (60.000€), posta en marcha dun sistema municipal de Apps (10.000€).

Orzamentos participativos para a mocidade
Os presupostos deste exercicio inclúe unha partida para, por segundo ano consecutivo, levar a cabo a iniciativa dos Orzamentos Participativos. Este ano 2018, o goberno municipal destina 192.000 euros para que a veciñanza de Ames faga propostas e decida o seu gasto. Así, increméntase en 60.000 euros (un 45,45%) o crédito asignado a dita partida. Destinaranse 132.000 euros, divididos en partes iguais (12.000 euros para cada unha das 11 parroquias) para realizar investimentos no rural: Lens, Tapia, Piñeiro, Ameixenda, Trasmonte, Agrón, Covas, Bugallido, Ames, Biduído e Ortoño. Ademais, 50.000 euros destinaranse a dous investimentos para o acondicionamento de dous espazos abertos dirixidos a mocidade, localizados un en Bertamiráns (25.000 €) e outro no Milladoiro (25.000 €) e 10.000 euros destinaranse a actividades ou programas dirixidos á mocidade do Concello.

Contido relacionado:

El Correo Gallego: "Os orzamentos de Ames achéganse por primeira vez ós 25 millóns de euros"
La Voz de Galicia: "El Concello de Ames invertirá este año 1,3 millones de los fondos europeos del plan Edusi"
Compostela 24 horas: "Ames presenta un presupuesto para el 2018 cercano a los 25 millones de euros"

Imaxe de presentación do orzamento municipal de 2018

Multimedia

  • Imaxe de presentación do orzamento municipal de 2018