Pestanas principais

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC desenvolverá o día 22 de xullo unha actividade de observación astronómica no monte de San Marcos

Mércores, 16 de xullo de 2014

[16-07-2014] A vindeira semana continúan as actividades de astronomía que está desenvolvendo o Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago de Compostela, no concello de Ames. Nesta ocasión vaise organizar unha actividade de observación astronómica no monte de San Marcos. Esta actividade está dirixida a todos os públicos. Nesta sesión astronómica os participantes poderán observar varios astros e constelacións. Esta actividade enmárcase dentro do programa de divulgación astronómica en Galicia, Todocosmos. Non é necesaria inscrición previa. Será unha sesión aberta a todas as persoas que desexen participar.

Actividades en Ames
O Observatorio Astronómico Ramón María Aller xa desenvolveu tres actividades de astronomía durante este ano no concello de Ames. A primeira desenvolveuse o pasado 12 de marzo nas instalacións da Aula da Natureza. Nesta actividade os veciños e veciñas amienses puideron participar nunha charla - coloquio e posteriormente observar a Lúa, o planeta Xúpiter e a Nebulosa de Orión.

Posteriormente, o pasado 17 de maio, desenvolveuse outra observacións astronómica no paseo fluvial de Bertamiráns. Nesta actividade os participantes puideron observar varios planetas (Xúpiter, Marte e Saturno), a Lúa e algunha estrela dobre. Ademais, durante este mes de xullo o persoal do Observatorio Astronómico Ramón María Aller impartiu un obradoiro no campamento urbano da aula da Natureza.

Primeiro, impartiron unha charla sobre o sistema solar, e a continuación, realizaron unha representación dos planetas do sistema solar. Posteriormente, os nenos e nenas estiveron divididos en dous grupos para participar nun obradoiro. Deste xeito, os máis pequenos debuxaron o sistema solar, mentres que os maiores aprenderon a montar e desmontar un telescopio (coñeceron as partes dun telescopio: as lentes, os espellos, etc).

Trala sesión astronómica do martes, 22 de xullo, aínda se desenvolverán varias actividades máis en Ames. Algunhas destas actividades son unha sesión astronómica no Milladoiro, así como actividades docentes nos institutos e nos colexios de Ames.

O Concello de Ames colabora co Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago de Compostela, no desenvolvemento do programa Todocosmos, que pretende achegar o mundo da astronomía a diferentes concellos de Galicia. No marco deste programa o persoal do observatorio astronómico Ramón María Aller desenvolverá unha actividade de observación astronómica o próximo martes, 22 de xullo, no monte de San Marcos.

Nesta sesión astronómica os participantes poderán observar varios astros e constelacións. Para participar nesta actividade non é necesario inscribirse previamente. Trátase dunha actividade aberta a todas as persoas que desexen asistir.

O programa de divulgación ofertado polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) ten coma obxectivo levar a Ciencia Astronómica a toda a sociedade mediante diferentes actividades para todos os segmentos de idade: cursos, obradoiros, observacións astronómicas, presentacións, etc.

Parte fundamental deste programa constitúeo o proxecto "La Astronomía al alcance de todos: colaboración Universidad-Ayuntamientos-Organismos Públicos y Empresas", que co acrónimo TODOCOSMOS conta con financiación da FECYT para o ano 2014, e no que participan así mesmo os concellos de Ames, Lalín, Rianxo, Ribadeo, Sanxenxo, Santiago de Compostela, e Teo, así como a empresa Óptica Val.

Para ampliar calquera outra información, as persoas interesadas poden enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.org ou chamar ao número de teléfono 660 004 665.