[22-12-2015] En época de vacacións escolares a Aula CeMIT de Ames abre as súas portas aos nenos/as de entre 7 e 12 anos que queiran aprender principios básicos de programación dun xeito creativo e divertido no obradoiro Nadal TIC. O curso impartirase na Casa da Cultura de Bertamiráns entre os días 28 de decembro e 5 de xaneiro. As 26 prazas ofertadas divídense en dúas quendas: unha de mañá e outra de tarde.
O obradoiro ten unha capacidade de 12 prazas pola mañá, en horario de 11:00 a 13:00 horas, e 14 pola tarde, en horario de 17:00 a 19:00 horas. Impartirase ao longo dos días 28, 29 e 30 de decembro de 2015 e 4 e 5 de xaneiro de 2016. Durante o día de hoxe, martes 22 e o de mañá, mércores 23, as dúas monitoras do obradoiro estarán na Aula CeMIT, dentro da Casa da Cultura de Bertamiráns, na praza Chavián, para matricular aos nenos e nenas que queiran participar. Na quenda de mañá aínda queda libre unha praza, e seguen dispoñibles todas as da tarde.
As monitoras do obradoiro, Mª Adelaida Aparicio e María Brión, son especialistas na formación en novas tecnoloxías da información e da comunicación. Ambas seleccionaron programas, todos eles de software libre, intuitivos e doados de empregar. Con eles os participantes aprenderán a crear calendarios personalizados e postais de felicitación de Ano Novo. Ademais iniciaranse no uso do Scratch, un software libre cuxo uso estendeuse moito no ámbito educativo debido ao sinxelo da súa aprendizaxe. Scratch axuda aos nenos e nenas a dar os seus primeiros pasos en programación e permítelles experimentar coa animación, a montaxe de xogos ou de historias interactivas.
Aqueles e aquelas interesadas en facer a inscrición poden atopar máis información acudindo a Aula CeMIT entre hoxe e mañá, escribindo un correo electrónico a ticnadal@gmail.com ou chamando ao teléfono 662 371 511.




