Pestanas principais

O obradoiro Galego de Cine do programa FalaRedes chega a Ames a vindeira semana

Mércores, 25 de abril de 2012

[25-04-2012] O Concello de Ames abre o prazo de inscrición para participar no obradoiro Galego de Cine, que inclúe o visionado e elaboración de curtametraxes. Esta actividade desenvolverase o mércores 2 no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro e o xoves 3 na Praza de Chavián de Bertamiráns. O obradoiro Galego de Cine está dirixido a nenos/as de 6 a 12 anos. O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 30 de abril. Para inscribirse hai que chamar ao número de teléfono 981 884 991 ou enviar un correo a normalizacion@concellodeames.org. Os nenos/as que se inscriban neste obradoiro poderán participar nunha serie de actividades que lles permitirán ter un papel activo no achegamento ao cine en lingua galega. Deste xeito desenvolverán actividades de comprensión dun filme, confección dun conto orixinal e a elaboración dunha curta mediante a técnica de vídeo-matón.

O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística, desenvolve os días 2 e 3 de maio, o obradoiro Galego de Cine, que se enmarca dentro do programa FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Este obradoiro pretende a dinamización e mellora das competencias lingüísticas dos nosos mozos e mozas a través de actividades instrutivas e lúdicas.

A actividade Galego de Cine, unha das tres que configuran o programa deste ano de 'FalaRedes', impulsado pola Consellería de Cultura e Educación a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, visitará a próxima semana o concello de Ames. En concreto, esta actividade, unha caravana reconvertida en cine itinerante que levará ás localidades galegas curtametraxes feitas en galego para un público de entre 6 e 12 anos, estará o mércores 2 de maio no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro e o xoves 3 na Praza de Chavián de Bertamiráns, a partir das 17:00 horas e ambas as dúas localidades.

Unha pequena caravana percorrerá as localidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística proxectando curtas de animación en galego para nenos e nenas de 6 a 12 anos. Estes terán ocasión de participar, posteriormente, nunha serie de actividades que lles permitirán ter un papel activo no seu achegamento ao cinema na nosa lingua. Tras o visionado dos filmes, os participantes convértense en estrelas da gran pantalla mediante a composición dunha historia nun vídeo-matón, que estará accesible a través da Internet.

Os resultados deste traballo poden verse na canle de Youtube Galego de Cine. Cando finalice a viaxe da caravana polos concellos galegos farase un concurso no que se premiarán os mellores contos en galego contados ante a cámara por cada grupo de nenos e nenas participante na actividade. Cadaquén poderá votar polo seu favorito e os gañadores recibirán o libro-DVD O soldadiño de Chumbo.

Este obradoiro enmárcase dentro de FalaRedes, o novo programa de dinamización da Secretaría Xeral de Política Lingüística para a Rede de Dinamización Lingüística. FalaRedes levarase adiante en máis de 90 entidades locais e constará de tres actividades diferentes que se desenvolverán en 250 sesións. Estas actividades son Galego de Cine, Titerehop e O señor das dunas.

FalaRedes responde a obxectivos emanados do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega como son crear espazos de uso e de aprendizaxe do galego ligados ao lecer, á cultura xuvenil e ás tecnoloxías da comunicación para promover unha imaxe da lingua ligada a valores positivos; reforzar o uso do galego entre os máis novos e proporcionarlles modelos lingüísticos de referencia aos rapaces e rapazas.

Toda a información sobre o programa, así como o calendario de actividades estará accesible na web da a Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes e nas redes sociais.