Pestanas principais

O obradoiro “En galego, co teu acento” comeza en Bertamiráns con todas as prazas cubertas

Sábado, 08 de outubro de 2016

[08-10-2016] Este luns, 5 de outubro, comezou un ano máis o curso de Lingua e Cultura “En galego co teu acento”. Vinte persoas participan neste obradoiro no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Na Casa da Cultura do Milladoiro as clases empezarán no vindeiro mes de novembro. As persoas asistentes mergullaranse pouco a pouco na lingua e na cultura galegas ao longo de 30 horas, repartidas en 20 sesións, nas que se falará de música, literatura, gastronomía ou calquera tema que o grupo propoña.

Como cada curso o departamento de Normalización Lingüística e os Servizos Sociais de Ames ofrecen o obradoiro de lingua e cultura “En galego, co teu acento”. Esta actividade, completamente de balde, consiste nunha formación de 30 horas repartidas en 20 días e está dirixida a todos os veciños e veciñas que chegan a Ames procedentes de fóra de Galicia. En Bertamiráns o curso impártese no mes de outubro no Pazo da Peregrina; no Milladoiro no centro sociocultural ao longo do mes de novembro. Ambos ofreceron vinte prazas cada un, o primeiro deles completounas todas.

Participantes de Venezuela, Colombia, México, León, Cataluña, Euskadi ou das illas Canarias acoden cada mañá, dende este luns, ao Pazo da Peregrina de Bertamiráns. En horario de 9:30 a 11:00 horas conversan, len, comparten información e coñecen un pouco máis a lingua e a cultura de Galicia, e, máis concretamente, do concello no que viven. As aulas transcorren baixo a guía da técnica municipal de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras. O curso é sobre todo práctico e pretende achegarlles ferramentas e recursos que pouco a pouco lles permitan desenvolverse con normalidade en lingua galega.

Os coñecementos adquírense mediante o traballo en equipo, e as aulas están abertas a proposicións por parte das persoas asistentes. No Milladoiro as clases comezarán en novembro, e están xa case todas as prazas cubertas. Todo o alumnado que asista, como mínimo, ao 90% das sesións recibirá un diploma acreditativo.

Os obradoiros “En galego, co teu acento” de achegamento á lingua e á cultura galegas desenvólvense en Ames desde hai xa 12 anos e, ademais de serviren de toma de contacto co país ao que se chega, funcionan como un espazo de socialización, acollemento e convivencia. Pretenden asemade poñer en valor a diversidade e a multiculturalidade que agocha este concello.