[10-06-2011] Denomínase como zapping o acto de saltar de programación e ir de canle en canle sen deternos demasiado tempo en ningún deles á hora de ver a televisión. De esta sinxela acción doméstica trata “Zapping”, a obra que os rapaces e rapazas do obradoiro de Teatro Infantil de Bertamiráns, dependente das Escolas Culturais do Concello de Ames, estiveron preparando durante todo o curso coa súa profesora Seila Alvárez Samperio. “Zapping” estrease o domingo, día 12 de xuño, ás oito da tarde na Casa da Cultura de Bertamiráns. A entrada é libre e gratuíta.
Programas como "Sálvame", "Supervivientes", "Fama" ou "Tonterías las justas", presentadores como Paula Vázquez, Dani Martínez, Ana Simón e Florentino Fernández e personaxes como Belén Esteban desfilarán por esta parodia teatral, "unha obra tola e desenfadada na que se reflexa o estado de saúde dos nosos medios e á vez o noso propio estado de saúde", segundo nos conta Seila Alvárez, responsable do o obradoiro e directora desta obra de creación colectiva.
9 rapaces e rapazas formáronse en técnicas de interpretación teatral durante todo o curso a través deste obradoiro. O domingo, sobre escenario poderemos ver a Iria Múgico Piñeiro que fará de Flo, a Mariña Freire que interpretará o papel de Anna Simón e a Iago Martínez que se meterán a pel de Dani Martínez. O resto do elenco, formado por Mékedes Gayo, Victoria Gayo, Daniel Azcárate, Javier Prieto, Alba Varela e Javi Vila, interpretarán, cada un deles, a outros moitos personaxes dos que compoñen a "actual fauna televisiva".
Cómpre salientar o labor de Javi Vila que ademais de interpretar a un "sádico presentador que obriga aos demais a comer todo tipo de cousas", como el mesmo describe ao seu personaxe, encárgase da parte técnica. Javi, que ten 13 anos, formouse nos obradoiros de Luz e Son que organizou estes anos a Concellaría de Mocidade e desde hai catro anos colabora, facendo o son ou poñendo as luces, con moitos dos actos que organiza o Concello.
Para Seila Alvárez a creación da obra supuxo tamén un importante acto de reflexión: "Ver a televisión é unha das actividades que máis espazo vital e mental nos ocupa. Facer esta crítica e facela dun xeito divertido serviunos a todos e a todas para vernos a nós mesmos e para valorar o que a televisión ten de espello da nosa propia sociedade", manifesta a profesora do obradoiro.
Toda a veciñanza de Ames poderá gozar de este espectáculo de creación colectiva que percorre os programas máis actuais da televisión a través do humor o domingo, 2 de xuño, a partir das 8 da tarde na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os seus protagonistas recoméndanos que por unha vez "non cambiemos de canle".