Pestanas principais

O obradoiro de emprego Entre Ríos está acometendo traballos de conservación de zonas forestais e permitirá potenciar o atractivo turístico do municipio coa posta en marcha dunha nova ruta de sendeirismo

Martes, 21 de outubro de 2014

[21-10-2014] O pasado mes de setembro comezou a desenvolverse o obradoiro de emprego Entre Ríos, que durante seis meses dá formación e emprego a 27 persoas dos municipios de Ames e Brión. Esta iniciativa permite a formación e o desenvolvemento en actividades auxiliares en conservación e mellora do monte. Para a posta en marcha deste obradoiro, a Consellería de Traballo e Benestar concedeulle ao Concello de Ames unha subvención de preto de 200.000 euros.

Actuacións nos concellos de Ames e Brión
As prácticas laborais realízanse en obras e actuacións nos concellos de Ames e Brión e pretenden mellorar as condicións naturais da vexetación de ribeira, favorecendo os procesos de rexeneración natural, preservando dunha maneira sostible os ecosistemas de ribeira do río Sar. Ademais, acondicionaranse as pistas forestais e as sendas que valorizan o atractivo turístico relacionado co medio.

Formación teórica e práctica
A través deste programa preténdese que os participantes obteñan un certificado de profesionalidade de nivel 1. As accións formativas deste obradoiro de emprego desenvólvense principalmente nas dependencias do Centro de Formación Ocupacional, que o Concello de Ames ten en Aldea Nova. A formación está dividida en dúas partes (teórica e práctica) nas que se completarán un total de 960 horas.

Na parte teórica o alumnado estase formando en actividades auxiliares en conservación e mellora do montes. Deste xeito, impártense nocións sobre as operación auxiliares de repoboación, corrección hidrolóxica e mantemento de infraestruturas forestais (392 horas); operacións auxiliares en tratamentos silvícolas (210 horas); e operacións auxiliares no control de axentes causantes de pragas e de enfermidades de plantas forestais (80 horas). Ademais, haberá unha formación complementaria de 130 horas de duración en alfabetización dixital; sensibilización ambiental; formación para a igualdade; prevención de riscos laborais; e orientación, información profesional e formación empresarial.


En total, forman parte desta acción formativa de inserción laboral 27 persoas, entre as que se atopan 22 alumnos/as traballadores/as, que se forman como peóns forestais, e cinco persoas que compoñen o equipo directivo. Ao longo de seis meses, ata febreiro de 2015, o alumnado formarase sobre a conservación e acondicionamento de zonas de monte.

Neste primeiro mes de desenvolvemento do obradoiro, o alumnado estivo traballando no acondicionamento do viveiro amiense de Barouta e levou a cabo actuacións de restauración hidrolóxica no río Sar. Ademais, comezaron os traballos de limpeza dunha ruta de sendeirismo entre Tapia e Piñeiro. No municipio de Brión, acometeuse a limpeza dunha finca e o acondicionamento e limpeza dunha ruta de sendeirismo na parroquia de Bastavales. A través destes traballos están realizando prácticas con motoserra.

Os alumnos tamén participaron en clases teórico-prácticas de corrección hidrolóxicas tanto en Ames como en Brión para evitar a erosión da terra das beiras do río Sar. A través deste obradoiro vanse a ensaiar varias técnicas nas beiras do río Sar como son o entramado vivo de madeira; o entramado de faxinas e o entramado con masa de cañizo ou fibra viva de coco.

No apartado teórico, o alumnado estase especializando en actividades auxiliares en conservación e mellora do monte. Para elo están asistindo a varios módulos teóricos de informática, sensibilidade ambiental, orientación laboral, prevención de riscos laborais e educación compensatoria.

En conxunto, ao longo dos seis meses de duración do obradoiro, traballarase na preservación dos ecosistemas da ribeira do Sar (acondicionamento e sinalización de camiños); acondicionamento e sinalización da ruta de Piñeiro; acondicionamento de Riamonte (pozo e pistas); actuacións silvícolas nos lugares de Mercuto e Lapido (Ames) e de Saíme e Salaño (Brión); creación de faixas secundarias contra os incendios en Mercuto; acondicionamento de varias rutas de sendeirismo de Ames (ruta do río Sar) e do concello de Brión.

O concelleiro de Traballo, Bernardo Moar, explicou que “o obradoiro de emprego Entre Ríos ten como obxectivo que ao seu remate, os participantes melloren as súas posibilidades de inserción por conta allea ou propia coa consecución dunha cualificación profesional nunha ocupación que capacita para traballar, a través da obtención do certificado de profesionalidade de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes”.

O concelleiro subliñou a importancia que, neste e noutros eidos, ten a colaboración co Concello de Brión. Ademais, Bernardo Moar fixo fincapé en que “o goberno municipal seguirá traballando para desenvolver accións formativas de emprego co obxectivo de mellorar a situación laboral dos amienses”.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Formación laboral y trabajo público"
La Voz de Galicia: "Ames y Brión recuperan rutas de senderismo y entornos fluviales"