[25-10-2012] O Concello de Ames vén de recibir a notificación da Consellería de Traballo sobre a concesión do obradoiro de emprego Encontro Verde, que se realizará en colaboración co concello de Brión e que comezará a impartirse antes de finais de ano. O obradoiro favorecerá a formación de 27 persoas que se atopan en situación de desemprego. Esta actividade formativa supón un investimento total de 288.650,07 euros.
O concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, acolleu con satisfacción hoxe a concesión deste obradoiro de emprego “que permitirá a 27 persoas formarse para acceder a un emprego, algo vital no actual momento económico”. As actividades a desenvolver no obradoiro, que ten unha duración de seis meses, constan dunha parte teórica e dunha parte práctica. Suporá a contratación de 27 persoas desempregadas que deberán estar previamente inscritas nas súas oficinas de emprego. Ademais, contarase con persoal de dirección, docentes e persoal de apoio.
Nun primeiro momento, solicitaranse 35 prazas polo que haberá que reorientar os contidos para adaptarse ás prazas concedidas. Nos próximos días, os técnicos dos dous concellos poranse en contacto para determinar como se desenvolverá o obradoiro.
O venres, 31 de agosto, os alcaldes de Ames e Brión asinaron o convenio de colaboración para a xestión compartida do obradoiro de emprego Encontro verde. Previamente, este convenio tivo que ser aprobado en Pleno. En Ames aprobouse no pleno ordinario do mes de agosto celebrado o pasado xoves 30 de agosto. Este punto aprobouse por maioría absoluta cos votos a favor dos once concelleiros e concelleiras do grupo municipal popular, mentres que os cinco concelleiros/as do grupo socialista e os catro edís nons adscritos abstivéronse. En Brión, o convenio foi aprobado en Pleno por unanimidade de toda a corporación municipal.




