Pestanas principais

O obradoiro de cultivo de cogomelos do sábado empregará materiais sinxelos para obter setas comestibles

Venres, 04 de novembro de 2016

[04-11-2016] Este sábado 5 de novembro a Aula de Natureza pon en marcha un obradoiro de cultivo de cogomelos. Nel aprenderase a cultivar, de xeito sinxelo, dous tipos de fungos diferentes en medios ao alcance de calquera persoa. As inscricións xa están abertas e a participación é gratuíta. O obradoiro desenvolverase nas instalacións da propia Aula da Natureza entre as 16:30 e as 19:30 horas.

No obradoiro de cultivo deste sábado, 5 de novembro, as persoas participantes aprenderán a cultivar os seus propios cogomelos con ferramentas e en medios moi doados de empregar ou atopar. “Son técnicas e métodos que calquera cidadán pode levar a cabo na súa casa”, explica María Calvo, unha das monitoras. O obradoiro desenvolverase nas instalacións da Aula da Natureza, na parroquia de Ameixenda, 16:30 a 19:30 horas. Para inscribirse nunha das 20 prazas que oferta a Concellaría de Medio Ambiente as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 660004665 ou enviar un correo ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.

“Unha das setas que imos cultivar é a seta de ostra”, sinala María. Proporanse para isto distintos medios que poden servir: pousos do café, palla ou pellets. O segundo tipo de fungo, “que aínda non decidimos”, cultivarase nun tronco de carballo. Explicarase o procedemento para enxertar os fungos dependendo do medio no que vaian medrar, como coidalos e as cantidades que se poden obter de cada cultivo. Por exemplo a seta de ostra “produce en condicións óptimas 2 ou 2,5 quilogramos de setas repartidos en tres producións distintas”. María engade que entre unha produción e outra poden pasar “dúas ou tres semanas”. As variacións dependen do medio no que se realice o cultivo, algo que tamén se explicará no obradoiro.

O equipo deste sábado estará composto por persoas tituladas superiores en ciencias experimentais, con ampla experiencia en xornadas, cursos e actividades no campo da micoloxía. María estará acompañada nesta ocasión por Sergio Rojos, monitor a cargo doutras actividades da programación micolóxica municipal como as saídas ou os obradoiros de cociña de cogomelos. A vindeira saída micolóxica terá lugar o sábado 12 de novembro, coincidindo coa celebración no concello da Festa do Outono.