Pestanas principais

O obradoiro de bo trato nas relacións persoais organizado polo CIM comezou hoxe no IES do Milladoiro

Luns, 22 de xaneiro de 2018

[22-01-2018] Dirixido ao alumnado de 1º da ESO dos centros de educación secundaria de Ames, o obradoiro procura ser un espazo de reflexión acerca das relacións persoais na adolescencia. O taller, que é impartido pola formadora especializada en educación emocional, Aixa Permuy, conta con catro sesións: dúas impartidas pola formadora e outras dúas desenvolvidas polas titoras e titores de cada grupo. O IES do Milladoiro acolleu hoxe a primeira das sesións, que continuarán a desenvolverse ata comezos do próximo mes de febreiro. No IES de Ames, o obradoiro, que comezou en decembro, rematará a vindeira semana. A actividade está organizada polo Centro de Información á Muller (CIM) de Ames.

A primeira das sesións do obradoiro de bo trato nas relacións persoais tivo lugar este luns, 22 de xaneiro, no IES do Milladoiro. A actividade, que estivo dirixida ao alumnado de 1º da ESO, busca promover un espazo no que as mozas e mozos minimicen os sesgos sexistas presentes no seu imaxinario. Con este obxectivo, o obradoiro aborda, ao longo das sesións, cuestións habituais no día a día do alumando a través de dinámicas de grupo e de debates. Nesta primeira sesión, as rapazas e rapaces tiveron que discutir acerca da veracidade ou falsidade dunha batería de afirmacións que recollían varias crenzas sexistas. “Todas as mulleres conducen mal” ou “ningunha muller pode ser máis forte que un home” foron dúas das enunciacións sobre as que o alumnado se tivo que posicionar. Este luns, a primeira sesión foi desenvolvida, por separado, con tres dos grupos de 1º da ESO do instituto do Milladoiro. Os outros tres grupos participarán na sesión o vindeiro mércores.

A persoa encargada de impartir o obradoiro é Aixa Romay, doutoranda en Educación pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde desenvolve un traballo de investigación-acción sobre coeducación das emocións na Educación Secundaria Obrigatoria. A formadora será, polo tanto, a encargada de desenvolver, alén da primeira, a última das sesións do obradoiro, que se celebrará a vindeira semana no IES de Ames. O instituto de Bertamiráns foi o primeiro centro de ensino no que recalou o obradoiro o pasado mes de decembro. 

Nesta última sesión, o alumando deberá elaborar unha especie de receita do bo amor, a través dunha serie de afirmacións que axuden ás mozas e mozos nas súas relacións persoais. Así mesmo, esta sesión tamén estará centrada na busca de referentes culturais alternativos, que promovan a igualdade. O obradoiro de bo trato concluirá co visionado dun vídeo que, en chave de humor, porá de manifesto unha serie de prexuízos sexistas moi estendidos na nosa sociedade.

Participación do profesorado
A segunda e a terceira das sesións que conforman o obradoiro son impartidas polas titoras e titores de cada grupo. Nelas, o alumnado ten que analizar un conto infantil, abordando as actitudes e comportamentos tanto das personaxes principais como das secundarias. Do mesmo xeito, o alumando tamén debe analizar, nestas sesións, un filme de Disney atendendo ao rol das personaxes femininas. A letra da cancións Blurred Lines, moi afamada entre a mocidade e cun contido altamente sexista, tamén é examinada ao longo destas sesións. A finalidade destes exercicios é a toma de conciencia por parte das rapazas e rapaces acerca de como a maior parte dos produtos culturais perpetúan estereotipos de xénero nocivos para a igualdade entre homes e mulleres. O IES do Milladoiro acollerá o desenvolvemento destas sesións ao longo do mes de xaneiro, realizando a última das sesións a comezos de febreiro.

“Neste momento no que estamos, no que as enquisas reflicten que un 27, 4% das nosas mozas e mozos pensan que a violencia machista é 'normal' dentro da parella, no que seguimos transmitindo estereotipos e roles de xénero que non son os axeitados, vimos que era moi necesario o desenvolvemento destes obradoiros, nos que desde o discurso coeducativo se abordan cuestións como a transmisión de arquetipos, actitudes, valores e normas positivas que rexen as nosas vidas e as nosas relacións en base á igualdade”, afirma a concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Luísa Feijóo.