[12-03-2016] A programación cultural e educativa desta primavera no concello de Ames inclúe traslada as actividades tamén as parroquias rurais. O obradoiro de Animación á Lectura e Arte Miúda porase en marcha nos locais socioculturais de Augapesada e do Bugallido o vindeiro luns, 14 de marzo. A concellaría de Educación e Cultura quere así "ampliar a oferta cultural nas parroquias". Esta actividade é libre e de acceso gratuíto a todos os interesados e interesadas.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que "as actividades orientadas ao público infantil e familiar contribúen dun xeito positivo a crear comunidade e a fortalecer as relacións veciñais". Lazos que, lamenta, "son ás veces esquecidos no ámbito urbano".
A empresa local Vagalume, con sede no Milladoiro, é a encargada de organizar e dirixir ambas actividades, tanto no local de Bugallido como no de Augapesada. Os seus membros teñen xa experiencia na xestión das bibliopiscinas de Ames. A súa encarga explica que a actividade se divide en dúas partes. Para a primeira seleccionaranse unha serie de contos "dirixidos a nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 8 anos" . A animadora da actividade buscará que nenos e nenas participen da propia lectura e, na segunda parte, invitaraos a reflexionar sobre o fío argumental e a lección moral que se pode extraer dos contos a través de manualidades e outras actividades.
Pais e nais están invitados a participar destes obradoiros, nos que ademais se lles facilitarán unhas guías moi sinxelas para, xa na casa, traballar os contos cos seus pequenos e pequenas. Lévase deste modo un paso máis alá á lectura, animando a rapaces e rapazas a profundar nela e desenvolvendo a súa imaxinación.
Tanto o obradoiro de Arte Miúda como o de Animación á Lectura realizaranse sempre en horario de 18:00 a 19:30 horas. O Centro Social de Bugallido acollerá ambas actividades o luns 28 de marzo, o luns 18 de abril e o luns 23 de maio. No Centro Social de Augapesada desenvolveranse o luns 14 e o martes 29 de marzo, o luns 4 e o martes 19 de abril e o luns 9 e o martes 24 de maio. O concelleiro de Educación anima ás familias a achegarse aos locais socioculturais esta primavera, estación que é "un bo momento para desenvolver estas actividades, que se irán implantando progresivamente noutras parroquias".

Contido relacionado

El Correo Gallego: "Achegan ao rural amiense o Obradoiro de Animación á Lectura e de Arte Miúda"




