Pestanas principais

O obradoiro de Animación á Lectura trasládase no inverno aos locais socioculturais de Augapesada e Bugallido

Sábado, 07 de xaneiro de 2017

[07-01-2017] A programación cultural e educativa deste inverno no concello de Ames acolle de novo as actividades nas parroquias rurais. O Obradoiro de Animación á Lectura porase en marcha nos locais socioculturais de Augapesada e de Bugallido. O primeiro en arrancar será o de Augapesada o vindeiro luns, 9 de xaneiro, ás 18:00 horas no local sociocultural desta parroquia. A concellaría de Educación e Cultura quere así "ampliar a oferta cultural nas parroquias". Esta actividade é libre e de acceso gratuíto a todos os interesados e interesadas.

Coa pretensión de que a distancia non sexa un obstáculo que impida que a oferta cultural chegue ás parroquias, o departamento de Educación e Cultura aproveita, periódicamente, os locais sociais das parroquias para acoller actuacións de coros, contacontos e a realización de diferentes obradoiros. Desta volta chega á parroquia de Augapesada o obradoiro de Animación á Lectura, coa lectura de contos e realización de obradoiros para os nenos e nenas e as súas familias. Será o próximo luns, 9 de xaneiro, baixo o título Ía un can polo monte. A actividade, que dará comezo ás 18:00 horas, é libre e de balde para todos os interesados e interesadas, e repetirase o día 23 de xaneiro no mesmo enclave. En Bugallido está prevista a realización desta actividade para o mes de febreiro.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que, coa realización deste obradoiro, "ampliase de novo a oferta cultural nas parroquias". Para o edil "as actividades orientadas ao público infantil e familiar contribúen dun xeito positivo a crear comunidade e a fortalecer as relacións veciñais". Lazos que, lamenta, "son ás veces esquecidos no ámbito urbano".

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames traslada el obradoiro de animación a la lectura en las parroquias"