Pestanas principais

O obradoiro Cantámosche os Reis chega mañá ao Milladoiro

Xoves, 03 de xaneiro de 2013

[03-01-2013] A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá mañá o obradoiro Cantámosche os Reis. Esta actividade, dirixida a todos os públicos e de entrada gratuíta, comezará ás 18,00 horas. Cantámosche os Reis é unha iniciativa posta en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Os músicos Pablo Díaz e Olga Kirk, especialistas en tradición oral galega -levan máis de 20 anos recompilando coplas, cantos e regueifas- impartirán este obradoiro. Nel, interpretaranse cancións en galego propias destas festas para que as celebremos na nosa lingua e mais tratarase de recuperar a tradición de interpretar nadais, aninovos e reis polas casas de cada aldea e vila do país. Esta iniciativa chega mañá a Ames tras percorrer outras vilas galegas como Pereiro de Aguiar, Cerdedo, Cerceda, Moaña, Palas de Rei ou Campo Lameiro.

'Cantámosche os Reis' forma parte da completa programación deseñada polo Concello de Ames para o Nadal 2012, na que se programan preto de 40 actividades pensadas para todos os públicos.

Este obradoiro é a segunda das iniciativas de 'Nadal en Rede', o programa que a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia aprobou no marco da programación de actividades de difusión do galego para o ano 2012.