Pestanas principais

O novo servizo de axuda no Fogar aumenta o número de horas e inclúe novos servizos

Luns, 03 de agosto de 2020

O pasado e sábado, 1 de agosto, comezou a desenvolverse o novo servizo de axuda no Fogar. Aumentase o número de horas. Os/as auxiliares poderán completar as súas xornadas, organizarse por zonas para dese xeito diminuír os desprazamentos entre domicilios. Disporase de máis elementos de axuda para atender as persoas con problemas de mobilidade, como camas articuladas, grúas ou orugas salva escaleiras e inclúense servizos novos como fumigación, taxi/taxi adaptado, acompañamentos puntuais, excursións e saídas. A nova empresa adxudicataria comprométese asemade a establecer horas de formación para o persoal.

O novo servizo de Axuda no Fogar foi adxudicado á empresa SS Ulla Sar por un importe de 1.908.327,72€ e un período de 2 anos prorrogables 1+1. Esta licitación trae parella unha serie de melloras que comezarían polo aumento de número de horas a prestar. 9.300 horas máis dedicarán os/as auxiliares de axuda no fogar ao servizo, de xeito que o total será de 55.597horas. Ademais, a regulación no propio prego dos horarios dos diferentes servizos, permitirá que os/as auxiliares poidan completar na medida do posible as súas xornadas, puidendo organizarse por zonas o que implicará que se limiten ou diminúan os desprazamentos entre domicilios.

Servizos novos e máis material de axuda
Ás melloras no eido das asistencias técnicas, súmanse coa nova adxudicación melloras nos servizos e no material de axuda ás persoas con mobilidade reducida. Coa nova adxudicación disponse de máis camas articuladas, colchóns antiescaras, grúas, asentos xiratorios e barras para bañeira, orugas salvaescaleiras, patas de elefante e adaptadores de bañeira e de WC.

Asemade, aos servizos de podoloxía, perruquería, fisioterapia, enfermería e limpezas de choque, súmanselle agora os servizos de fumigación, taxi e taxi adaptado, acompañamentos puntuais, excursións e saídas.Cómpre salientar tamén que a nova empresa adxudicataria comprométese á dedicar horas á formación do persoal.

A concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijoó  manifesta que “para nós non é un servizo mais senón un dereito. A nosa intención é seguir ampliando e mellorando este  servizo na medida do posible ao igual que as condición dos e das auxiliares , sector feminizado e precarizado , dignificando o seu traballo xa que son o motor do servizo e os nosos ollos nos domicilios”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames amplía en 9.300 horas el servicio de ayuda en el hogar con la nueva contratación"

El Correo Gallego: "Medran un 20 % as horas de axuda no fogar en Ames"

Revista AmsGo: "Aumentado o Servizo de Axuda no Fogar"

 

Melloras no SAF