- Tematica
O Consello da Xunta aprobou o novo Nomenclátor Galicia que en Ames implica a modificación dos topónimos de unha parroquia, de dúas advocacións e de nove lugares, ademais da incorporación de cinco nomes de lugar.
Trátanse duns cambios que chegan despois dun “exhaustivo traballo” do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega para revisar e actualizar o Nomenclátor de Galicia, elaborado en 2003. En concreto, tras o estudo de 4.398 topónimos, decidiuse modificar os nomes oficiais de 2.335 lugares, 182 parroquias e 14 concellos.
A análise feita pola Comisión de Toponimia tamén permitiu incorporar 1.655 novos nomes con respecto ao último documento elaborado en 2003, acadando así un total de 42.909 rexistros. Para realizar este traballo partiuse da base de datos do Nomenclátor de Galicia oficial de 2003 e cruzouse coa base de datos toponímica do Instituto Nacional de Estatística, coñecido como NomenINE.
Durante o proceso, revisáronse tanto cuestións lingüísticas, chegando a estudar 4.398 topónimos, como xeográfico-administrativas, referidas a problemas de localización ou categorización poboacional, con 13.788 revisións.
Os criterios a seguir baseáronse na etimoloxía, na documentación histórica, na tradición gráfica consolidada nos últimos dous séculos e no uso oral e escrito que fai a veciñanza do topónimo. Tamén se tivo en conta o respecto pola forma dialectal de cada lugar e, ademais, tratouse de emendar os erros detectados fundamentalmente no relacionado co uso dos artigos.
O Consello da Xunta deste luns, 30 de marzo, ratificou a proposta presentada no mes de xullo no pleno da Comisión de Toponimia, o órgano asesor composto polo Goberno galego, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e institucións como o Instituto Padre Sarmiento ou a Universidade de Santiago de Compostela.
Afectacións á toponimia de parroquias, advocacións ou lugares do Concello de Ames
Parroquias:
• Ameixenda – Ameixenda, A.
Advocacións:
• Santa María – Santa Mariña (parroquia da Ameixenda).
• San Mamede – Sanamede (parroquia de Piñeiro).
Lugares:
• Ameixenda – Ameixenda, A (parroquia da Ameixenda).
• Agrela, A – Grela, A (parroquia de Biduído).
• Buceleiras, As – Buceleiras (parroquia de Bugallido).
• Instrumento, O – Instrumento de Abaixo, O (parroquia de Bugallido).
• Monte – Casas do Monte, As (parroquia de Covas).
• Instrumento, O – Instrumento de Arriba, O (parroquia de Ortoño).
• Rúa – Rúa, A (parroquia de Piñeiro).
• San Mamede – Sanamede (parroquia de Piñeiro).
Novos lugares incorporados:
• Millalar (parroquia de Biduído).
• Mimosas, As (parroquia de Biduído).
• Bosque Animado, O (parroquia de Covas).
• Agro do Muíño, O (parroquia de Ortoño).
• Batáns, Os (parroquia de Ortoño).
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Novos topónimos en Ames: As Mimosas ou O Bosque Animado incorpóranse ao Nomenclátor de Galicia"
La Voz de Galicia: "Ames incorpora cinco lugares a su toponimia y cambia el nombre de una parroquia con la actualización del Nomenclátor de Galicia"





