[09-09-2013] Centos de persoas, entre pais e nais de alumnos/as, veciños e veciñas e membros da Corporación municipal, deronse cita esta tarde no novo IES do Milladoiro para asistir á xornada de portas abertas organizada para dar a coñecer este centro educativo, que se porá en funcionamento o vindeiro 16 de setembro co inicio do curso escolar. O alcalde de Ames, Santiago Amor; o concelleiro de Educación, Bernardo Moar; a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, e o concelleiro de Urbanismo, Alfredo Taboada, participaron nesta visita xunto a outros edís da Corporación municipal. O percorrido polas instalacións do centro educativo estivo guiado polo seu director, Rafael Baliñas.
O obxectivo desta xornada de portas abertas, organizada pola dirección do IES en colaboración co Concello de Ames, é que os pais e nais de alumnos/as que cursarán estudos no novo centro e a cidadanía do Milladoiro en xeral puidesen coñecer de preto os servizos que ofrece o novo IES. Ao longo da tarde houbo dúas quendas de visita. A primeira foi ás 19:00 horas e a segunda, ás 20:00 horas. Coincidindo coa primeira destas quendas, realizouse unha visita institucional.
O IES do Milladoiro comezará a funcionar o vindeiro 16 de setembro, co inicio do curso escolar 2013-2014. Nesta infraestrutura investíronse máis de 8 millóns de euros. O novo centro educativo contará cun programa formativo de 4 liñas de ESO e 2 liñas de Bacharelato nas dúas modalidades –Ciencias e Humanidades-; albergará 22 aulas polivalentes e 2 de pequeno grupo -16 de ESO e 8 de Bacharelato-, 3 laboratorios, 2 aulas taller, 2 aulas de plástica, 1 de debuxo, 2 aulas de música e 2 de informática, ademais das instalacións deportivas; e arrancará cun equipo docente de arredor de 25 profesores, co obxectivo de incrementalo ata case duplicalo e chegar a preto de 50.
Tras a visita, o alcalde de Ames, Santiago Amor, manifestou “o apoio da Corporación municipal ao actual equipo directivo e a toda a comunidade educativa, especialmente a pais e profesores”. O rexedor amiense agradeceu o compromiso da Xunta de Galicia e manifestou “o desexo do Concello de Ames de que este centro educativo, que responde a unha demanda histórica do noso municipio, sexa un referente educativo e tamén sociocomunitario no ámbito do Milladoiro e de Ames”. Santiago Amor apostou por “seguir traballando no eido da educación, mirando cara o fututro e dunha forma construtiva, pensando sempre na comunidade educativa amiense e no seu beneficio”.
O rexedor amiense subliñou, ademais a calidade das modernas instalacións coas que conta o centro educativo, que este ano acollerá a preto de 300 alumnos/as, e que, segundo as previsións que se manexan, podería dar servizo nos vindeiros cinco anos a casi 3.000 alumnos e alumnas do Milladoiro. Trátase dunha infraestrutura moi necesaria e demandada, que dá resposta a unha demanda dos veciños e veciñas do Milladoiro.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "La cuenta atrás del IES de Milladoiro"
El Correo Gallego: "Puertas abiertas para el instituto de O Milladoiro"