Pestanas principais

O novo contrato de limpeza viaria amplía o servizo ao rural e inclúe nova maquinaria e vehículos eléctricos

Mércores, 13 de xullo de 2022

Esta mañá presentouse na praza do Concello, en Bertamiráns, o novo servizo de limpeza viaria que prestará a empresa Urbaser. O Concello de Ames adxudicou no pleno ordinario de xaneiro de 2022 o novo contrato de limpeza viaria por un importe de 7.388.427,97 euros e un período de 7 anos, que abrangue dende o 15 de xullo de 2022 ata o 14 de xullo de 2029. O valor do contrato por ano ascende a 1.055.489,71 euros. Trátase dun dos contratos máis importantes do Concello de Ames. O novo contrato recolle importantes melloras no servizo como é a ampliación do persoal en 5 novas persoas. Realizaranse traballos de limpeza viaria en toda a localidade de Bertamiráns, do Milladoiro, das urbanizacións e de diversas zonas do rural. Outra das novidades é o servizo do Punto limpo móbil. Para prestar dito servizo a empresa concesionaria achega nova maquinaria entre a que se atopan novos vehículos eléctricos.

O alcalde de Ames, Blas García, e maila concelleira de Economía e Facenda e responsable do departamento de Contratación, Genma Otero, estiveron esta mañá co xefe de servizo, Ángel Fagilde, e co delegado da empresa Urbaser, Nemesio López, no acto de presentación do novo contrato de limpeza viaria que asinou o Concello de Ames coa empresa Urbaser por un período de 7 anos. En dito acto fíxose unha presentación do novo material e dalgúns dos vehículos eléctricos, incluídos no novo contrato, e que empregará a empresa Urbaser para realizar o seu traballo a partir do 15 de xullo.

O novo contrato de limpeza viaria adxudicouse por un importe de 7.388.427,97 euros e un período de 7 anos que abrangue dende o 15 de xullo de 2022 ata o 14 de xullo de 2029. O valor do contrato por ano ascende a 1.055.489,71 euros. Trátase dun dos contratos máis importantes do Concello de Ames.

O novo contrato recolle importantes melloras no servizo. Deste xeito, realizaranse traballos de limpeza viaria en toda a localidade de Bertamiráns, do Milladoiro e das urbanizacións. Para iso vanse manter e mellorar as frecuencias actuais de limpeza nos núcleos de Bertamiráns e do Milladoiro. Deste xeito, vaise a incrementar o servizo de baldeo cun máquina de lava beirarrúas no núcleo do Milladoiro e na zona onde existen vivendas do parque empresarial Novo Milladoiro. Tamén se dotará de novas papeleiras á zona do parque empresarial, ás urbanizacións e aos núcleos do rural. Para poder realizar a ampliación do servizo ampliouse o persoal en 5 persoas.

Tamén se van a incluír distintas prazas do concello e mailas áreas de aparcamentos dos núcleos urbanos. Ademais, inclúese a limpeza de diversas zonas do rural, especialmente aquelas nas que hai beirarrúas, destacando a limpeza de A Ponte Maceira (principal núcleo turístico de Ames) ou os tramos do Camiño de Santiago que pasan por Ames. Neste senso haberá unha brigada para cubrir a limpeza nos tramos do Camiño a Fisterra e do Camiño Portugués polo termo municipal de Ames debido ao incremento de peregrinos/as.

Punto Limpo móbil
Por outra banda, vaise ampliar o horario de atención do Punto Limpo, de luns a sábado, de 9.00 a 15.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas. Outra das novidades será o servizo do Punto limpo móbil, xa que se vai a proporcionar á veciñanza un servizo de recollida selectiva de residuos domésticos especiais que deben ser obxecto de xestión diferenciada, para a súa reciclaxe, valorización ou eliminación controlada. Este servizo realizarase de maneira prioritaria nas zonas rurais do municipio.

Tamén se vai reforzar o servizo de recollida de voluminosos no rural (para solicitar este servizo hai que chamar ao número de teléfono 981 53 66 88) e maila limpeza manual e mecánica nas parroquias e urbanizacións do Bosque Animado, Pedra Dourada, Alto do vento, Covas, Augapesada, etc.

Nova maquinaria e vehículos eléctricos
Por outra banda, mellórase a flota de vehículos e medios materiais co usos de vehículos de varrido, baldeo e inspección, menos contaminantes e coa conseguinte redución de emisións sonoras. Incorpóranse dous vehículos eléctricos Goupil, para a limpeza viaria que se empregarán para desprazar material e persoal. Tamén se incorporan 14 novos carros de limpeza (algúns dispoñen de mangueira para o servizo de baldeo e outros son carros cun caldeiro único para facilitar o seu transporte).

A maquinaria que achega a empresa son 4 varredoras de aspiración, 2 vehículos eléctricos con caixa, 1 vehículo auxiliar con hidrolimpador, 1 cisterna de 10 metros cúbicos con mangueira e pértega para as beirarrúas e calzadas, 1 varredora sobre calzadas, 2 lava beirarrúas, 1 camión con caixa aberta, 1 Punto limpo móbil, 1 vehículo de inspección eléctrico, sopradoras eléctricas, 1 extendedor de sal para a época de xeadas e papeleiras para os excrementos das mascotas.

Valoración do Goberno municipal
O alcalde de Ames, Blas García, dixo “é un avance importante no servizo que se vai prestar, por primeira vez imos levar o servizo de limpeza viaria ao rural de Ames, naqueles lugares onde hai beirarrúas vaise facer unha limpeza con certa asiduidade. Ademais, melloramos a atención no Punto limpo do Milladoiro, onde se amplía o horario e ademais imos poñer en marcha un sistema no que recuperar e reciclar aqueles utensilios que se deixen alí e que poidan ser reutilizados. É un contrato no que incrementamos a contía e co que melloramos notablemente porque cubrimos todo o concello, con incidencia especial no rural, e en zonas como A Ponte Maceira por onde pasa o Camiño de Santiago”.

O alcalde engadiu “tamén levamos ao rural e tamén ao urbano, sobre todo na zona do Milladoiro e na parte norte do concello, o servizo de Punto limpo móbil, onde vai haber un camión cunhas datas fixadas por parroquias, no que a veciñanza vai poder depositar os seus utensilios e os seus aveños, co cal buscamos dar un servizo e que a xente non teña escusas para non coidar o medio ambiente e tirar os seus aveños e restos en espazos que non son os idóneos”.

Blas García rematou dicindo “é unha ampliación de contrato importante, reflectida tamén na cantidade económica, pasamos do millón de euros e aumentamos uns 400.000 euros ao ano, e algo moi importante na situación actual é que ampliamos o cadro de persoal con cinco traballadores e traballadoras máis, respectando a paridade e traballando na inclusión laboral de persoas con discapacidade. Podemos ver tamén que empezamos a apostar polos vehículos eléctricos, é un contrato que vai durar sete anos e que por fin cubre todo o concello, tanto o polígono industrial como as zonas novas do Milladoiro e de Bertamiráns. Inclúese ademais a limpeza das prazas e iso tamén nos facilita recuperar ao persoal da brigada de obra, que ata o momento realizaba estes traballos e que agora podemos liberar”.

A concelleira de Economía e Facenda e responsable do departamento de Contratación, Genma Otero, valorou de xeito “moi positivo este novo contrato que inclúe a ampliación de moitos dos servizos que xa se viñan prestando e outros novos que se incrementan. Temos que destacar que se amplía a pantilla con 5 novas persoas e practicamente a totalidade de dita plantilla son veciños e veciñas de Ames, co cal estamos xerando emprego entre a veciñanza amesá”. Genma Otero tamén destacou “a inclusión no contrato do servizo de limpeza viaria no rural e maila posta en marcha dun servizo de Punto limpo móbil, un servizo que xa levamos tempo planificando e que cremos que é moi necesario. No contrato tamén se inclúen campañas de concienciación e coidamos o medio ambiente coa inclusión de novos vehículos eléctricos”.

O xefe de servizo da empresa Urbaser, Ángel Fagilde, destacou que “o obxectivo é continuar co alto nivel de eficiencia mostrado durante estes anos e seguir prestando o mellor servizo posible a cidadanía. Para nós supón un respaldo despois do traballo realizado durante os últimos anos en Ames. Agora incrementaremos o noso traballo ao rural e trataremos de manter un alto nivel de eficiencia. Continuamos co servizo de luns a sábado, en horario de mañá, e con reforzo en horario de tarde. Ademais, os domingo aténdese ao núcleos do Milladoiro e Bertamiráns, así como prestando o servizo de limpeza naqueles actos puntuais que realiza o Concello ao longo do ano e nas festas”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Empieza a funcionar el servicio de limpieza de Ames con el contrato de casi 7,4 millones"

El Correo Gallego: "O rural de Ames sae reforzado co novo contrato de limpeza"

Enfoques: "Ames contrata por 7,4 millones el servicio de limpieza viaria con Urbaser"

O novo contrato de limpeza viaria amplía o servizo ao rural e inclúe nova maquinaria e vehículos eléctricos

Multimedia

  • Novos vehículos eléctricos
  • O novo contrato de limpeza viaria amplía o servizo ao rural e inclúe nova maquinaria e vehículos eléctricos
  • Novo material
  • Novo vehículo eléctrico
  • Punto de carga do vehículo eléctrico