Pestanas principais

O Nadal chega mañá a Ames co acendido da iluminación e co inicio de diferentes actividades culturais

Xoves, 13 de decembro de 2012

[13-12-2012] Este venres 14 de decembro, a partir das 18:00 horas, acenderase a iluminación de Nadal no concello de Ames. Dende a concellaría de Comercio e Promoción Económica teñen preparado para a tarde de mañá un conxunto de actividades mediante as que se dará comezo de xeito simbólico á época de Nadal e se impregnará do espírito de festa a todo o municipio. Nesta ocasión, ademais do tradicional acendido, están previstas varias iniciativas que compoñerán un completo acto co que os veciños e veciñas amienses poderán dar benvida a estas festas. Haberá música a cargo dos nenos/as da Escola Municipal de Música de Ames e chocolate con churros. Tamén se fará entrega dos premios que se sortearon con motivo da Festa do Comercio e do Roteiro dos Petiscos e do galardón ao local hostaleiro máis votado pola clientela que participou no Roteiro dos Petiscos.

As rúas e prazas de Ames, así como as parroquias do rural ilumínanse coa chegada do Nadal. O acendido simbólico da iluminación de Nadal realizarase este venres, 14 de decembro, na Casa do Concello, en Bertamiráns. Todos os anos co acendido da iluminación dáse por iniciada a época de Nadal no concello. As luces e arcos iluminarán as principais rúas comerciais de Bertamiráns e do Milladoiro pero tampouco se esquecerán da zona rural.

O acto comezará ás 18:00 horas na Casa do Concello. A encargada de pulsar o botón mediante o que se acenderán as luces será Sara Casuso Mosquera, unha das nenas gañadoras do concurso de cartas aos Reis Magos do pasado Nadal. A iluminación ornamental para as festas de Nadal do Concello de Ames estará composta por 75 elementos decorativos repartidos por todo o territorio municipal. Estes elementos colocáronse nas principais rúas comerciais de Bertamiráns e do Milladoiro e en diferentes espazos da zona rural. Cómpre salientar que o Concello de Ames sufraga integramente o custo total deste servizo ornamental, ao que se destinan 21.000 euros.

Entre as actividades programadas para esta tarde destaca a actuación do coro infantil da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA), que cantará dúas panxoliñas tituladas Viva, viva! e No Nadal. Estes rapaces e rapazas, que asisten ás materias de coro e linguaxe musical, actuarán xunto á profesora de linguaxe musical e coro que os acompañará tocando o teclado.

Entrega de premios da Festa do Comercio e Roteiro dos Petiscos
Despois da actuación dos nenos e nenas da Escola Municipal de Música de Ames farase entrega dos premios que sortearon con motivo da celebración da Festa do Comercio e do Roteiro dos Petiscos. Cómpre lembrar que neste sorteo, que se celebrou o pasado 3 de decembro na Casa da Cultura de Bertamiráns, participaron máis de 2.500 persoas que realizaron algunha compra nos comercios adheridos á Festa do Comercio e que completaron o libriño do Roteiro dos Petiscos.

Ademais, entregaráselle un galardón ao establecemento que recibiu máis votos entre as persoas participantes no Roteiro dos Petiscos. Trátase do Mesón In Vino Veritas que recibirá un diploma acreditativo e un premio en metálico de 200 euros. Debido ao disputado e axustado resultado que se produciu no reconto das papeletas, así como o escaso número de votos que separan aos tres locais hostaleiros que recibiron maior recoñecemento por parte da clientela, o Concello de Ames e a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns decidiron gratificar cun diploma acreditativo aos locais hostaleiros A Charca e Parada 8. Estes dous locais hostaleiros tamén recibirán o seu diploma durante o acto de acendido da iluminación de Nadal. Ao final do acto servirase chocolate con churros.

O concelleiro de Comercio e Promoción económica, Bernardo Moar, explica que “o Concello de Ames aposta un ano máis por manter a iluminación de Nadal xa que dende o goberno municipal crese que é un factor que axuda ao pequeno comercio de Bertamiráns e do Milladoiro a incrementar o número de ventas durante as festas de Nadal. Ademais é un elemento ornamental que anima á veciñanza amiense a saír das súas casas e mercar no comercio local”.

Comeza o servizo de Ludoteca
Este venres, 14 de decembro, ponse en marcha a Ludoteca de Nadal. Este servizo ten o obxectivo de facilitarlles as compras aos papás e mamás amesáns, mentres os seus fillos/as se divirten e aprenden xogando con outros nenos/as. Os centros de ocio "Educalia" de Bertamiráns e "O Bosque Animado" do Milladoiro serán os encargados de proporcionar este servizo os venres 14, 21 e 28 de decembro, en horario de 16:30 a 20:30 horas, e o sábado 5 de xaneiro, de 11:00 a 14:00 horas.

Con só presentar unha nota de compra do mesmo día de calquera establecemento comercial de Ames, a rapazada amesán terá dereito a unha xornada de Ludoteca gratuíta e as familias poderán facer as súas compras tranquilamente. Ao servizo de Ludoteca terán acceso nenos/as de 2 a 12 anos.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "O Nadal chega este venres a Ames"