Pestanas principais

O musical "Carapuchiña Vermella" representarase este luns, 26 de decembro, na Casa da Cultura do Milladoiro

Domingo, 25 de decembro de 2016

[25-12-2016] Este luns, 26 de decembro, ás 17:00 horas, a historia de Carapuchiña Vermella tomará vida dunha forma moi orixinal -en formato musical- no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Esta actividade, que se enmarca dentro da programación de Nadal do Concello de Ames, será interpretada por Educateatro Producións. Trátase dun espectáculo dirixido ao público infantil.

Carapuchiña é unha nena duns nove anos. Un día a súa nai encargoulle ir á casa da avoa para que lle levase unha cesta con froita, un tarro de mel e unha botella de viño doce. Polo camiño atopará amigos, aventuras con árbores bailarinas, cancións… e incluso un lobo que fará das súas para intentar papala. A historia está narrada por Plácido, un escritor de contos que, axudado pola súa vella máquina de escribir, traballará arreo para mecanografar o conto máis bonito do mundo enteiro: Carapuchiña Vermella.

Nesta adaptación do clásico dos Irmáns Grimm modernízase a historia e os personaxes do conto para traelos á actualidade. A proposta mestura teatro de actor con manipulación de corpóreos e voz en directo para transmitir aos cativos e cativas valores como a ecoloxía e a igualdade ao mesmo tempo que ensina a reciclar ou as profesións.

Por último, cómpre destacar que Carapuchiña Vermella, O Musical está composto por sete cancións orixinais cantadas en directo e pensadas especialmente para os máis pequenos (Bebé Rebelde; Cara, Cara, Carapuchiña!; Quero ser…; Camiñando polo bosque; Somos todos iguais; Fiareime eu de ti?; e O lobo).

Venda de entradas para os espectáculos infantís
Dende o departamento de Cultura infórmase de que están a venda as entradas dos espectáculos infantís de teatro, música e danza da programación de Nadal. Ditas entradas pódense mercar na Billeteira electrónica municipal. Para iso tan só hai que acceder á páxina principal desta web e premer nun dos dous banner que hai da Billeteira, que están na cabeceira da web ou debaixo da sección de Avisos.