Pestanas principais

O Museo Migrante Migrante en Movemento, da fotógrafa e artista Angélica Dass, fai parada en Ames do 13 ao 17 de abril

Xoves, 09 de abril de 2026

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social e Voluntariado, colabora con Cidalia no impulso do proxecto Museo Migrante Migrante en Movemento, unha iniciativa creada e dirixida pola artista visual Angélica Dass, que entende a migración coma unha condición inherente á experiencia humana. MMM recolle historias de movemento a través de obxectos, retratos e relatos. A migración enténdese como unha parte esencial da experiencia humana. Angélica Dass estará en Ames o luns 13 e o xoves 16 de abril impartindo obradoiros de memoria e fotografía nos IES de Ames, en  Bertamiráns, e no IES do Milladoiro.  O venres 17 de abril, ás 18.30 horas, impartirase na Casa da Cultura do Milladoiro a conferencia “A Historia Viva de Ames. Museo das inMigrantes”.

O Concello de Ames e 7H Cooperativa Cultural volven colaborar nunha nova iniciativa que se vai a desenvolver a vindeira semana no municipio amesán. Desta volta traen a Ames a fotógrafa e artista, Angélica Dass, que chega a Galicia cun novo proxecto: o Museo Migrante Migrante en Movemento (MMM). A través da súa versión en Movemento, o MMM estará no concello de Ames ao longo da semana do 13 ao 17 de abril. Este proxecto está financiado pola Dirección General de Patrimonio Cultural y Bellas Artes.

Na súa estadía en Galicia, o MMM virá na súa extensión en Movemento. Esta versión convida á cidadanía a participar no proxecto a través de distintas sesións fotográficas. Nelas, Angélica Dass busca xerar imaxes e recompilar relatos que nutrirán o arquivo dixital común. O MMM xa comezou a súa andaina en Madrid e Murcia e chegará a 10 comunidades, sendo Galicia a seguinte parada. Finalizará a súa viaxe o 18 de decembro, Día Internacional da Persoa Migrante.

Obxectos familiares, documentos, prendas… serven para retratar o que simbolizan as migracións, os movementos que nos trasladan entre poboacións, comunidades, países… A fotografía convértese nunha ferramenta de representación e escoita, tamén de memoria colectiva. Ademais este traballo refórzase cunha serie de actividades que terán lugar en paralelo ás sesións fotográficas, ampliando así a perspectiva pública, pedagóxica e documental do proxecto.

A concelleira de Benestar Social e Voluntariado, Uxía García, destaca “a importancia de contar en Ames con este proxecto que vai promover encontros e sesións de retrato en Bertamiráns e no Milladoiro. A través da fotografía e a escoita, constrúese un arquivo vivo de memorias que conecta migracións pasadas e presentes, poñendo en valor a nosa memoria como patrimonio cultural común”.

Angélica Dass explica que o MMM é “un arquivo vivo de obxectos, memorias e traxectorias en movemento. Un museo que se constrúe escoitando, gardando historias e facendo preguntas”.

Así, este museo busca conectar as migracións de todos os tempos a través da creación dun espazo onde as traxectorias das persoas poidan recoñecerse e dialogar desde a dignidade. Para iso resalta a migración como un carácter da humanidade que conforma historias de vida, tanto persoais como familiares, tanto individuais como colectivas. Este lugar, situado nun contedor-museo, expandirase a través dunha web que funcionará como un arquivo dixital.

O MMM en Ames
Angélica Dass inaugura a súa presenza en Galicia o luns 13 de abril no concello de Ames, onde impartirá un obradoiro de memoria e fotografía no IES de Ames (Bertamiráns) para o alumnado de 1º da ESO. Durante a tarde, celebrarase a sesión fotográfica na Casa da Cultura de Bertamiráns. Para participar na sesión de fotos para o Museo Migrante Migrante hai inscribirse previamente. Dita inscrición pode facerse premendo nesta ligazón.

O xoves 16 de abril, volverá de novo, nesta ocasión ao IES de Milladoiro, onde estará ao longo de toda a mañá co alumnado deste centro educativo, ampliando así os talleres que traerá ao concello. 

Ao día seguinte, o venres 17 de abril pola tarde, trasladará o estudio fotográfico á Casa da Cultura do Milladoiro. Para participar nesta sesión de fotos para o Museo Migrante Migrante tamén é necesario inscribirse previamente. Dita inscrición pode facerse premendo nesta ligazón.

A continuación, ás 18:30 horas, terá lugar a conferencia “A Historia Viva de Ames. Museo das inMigrantes”, na Casa da Cultura do Milladoiro, na que se conversará ao redor deste proxecto de Angélica Dass, 7H Cooperativa Cultural e a comunidade migrante de Ames. Intervirán Angelica Dass, Clara R. Cordeiro, participantes do proxecto, e Leonardo Pena, técnico do Concello de Ames. A conferencia é aberta ata completar o aforo dispoñible.

Angélica Dass
Angélica Dass é unha fotógrafa nada en Brasil e residente en España, que combina a fotografía coa investigación sociolóxica e a defensa global dos dereitos humanos. O seu proxecto máis coñecido é Humanae, unha colección de retratos que amosan a diversidade dos seres humanos que se expuxo en todo o mundo.

Os seus proxectos van alén dos museos, e viaxan ata as aulas onde atopa un gran universo onde traballar, ademais de colaborar con institucións que abranguen desde Concellos, institutos á UNESCO.

Novas relacionadas

amsGO!: "A exposición da fotógrafa Angélica Dass, fai parada en Ames do 13 ao 17 de abril"

O Museo Migrante Migrante en Movemento, da fotógrafa e artista Angélica Dass, fai parada en Ames do 13 ao 17 de abril

Multimedia

  • O Museo Migrante Migrante en Movemento, da fotógrafa e artista Angélica Dass, fai parada en Ames do 13 ao 17 de abril
  • O Museo Migrante Migrante en Movemento, da fotógrafa e artista Angélica Dass, fai parada en Ames do 13 ao 17 de abril
  • O Museo Migrante Migrante en Movemento, da fotógrafa e artista Angélica Dass, fai parada en Ames do 13 ao 17 de abril
  • O Museo Migrante Migrante en Movemento, da fotógrafa e artista Angélica Dass, fai parada en Ames do 13 ao 17 de abril
  • O Museo Migrante Migrante en Movemento, da fotógrafa e artista Angélica Dass, fai parada en Ames do 13 ao 17 de abril