Pestanas principais

O Monte Escolar será o marco dun acto conmemorativo do "Día Forestal Mundial" o 2 de abril

Luns, 21 de marzo de 2016

[21-03-2016] Hoxe, 21 de marzo, celébrase o Día Forestal Mundial. "Unha data na que se conmemora a importancia que as árbores teñen para a vida no noso planeta", explica Catuxa García, concelleira de Medio Ambiente. Por iso, no municipio amesán "a concellaría decidiu celebrar este día realizando unha plantación simbólica de carballos o sábado 2 de abril, á que convida a participar á veciñanza, inscribíndose na actividade". As árbores foron doadas pola cooperativa A Nosa Enerxía, proveñen da fraga de Catasós, no Concello de Lalín, e atoparán no Monte Escolar de Ames o seu novo fogar.

O Monte Escolar sitúase no lugar de Carballo, na parroquia de Trasmonte. Ocupa dúas parcelas que foron cedidas ao Concello por dúas veciñas amesás, Socorro García e Fina Casas. Nel o Departamento de Medio Ambiente de Ames "organiza actividades coas que quere ensinar e involucrar aos veciños e veciñas nun proxecto de valorización do noso monte".

O sábado 2 de abril un autobús recollerá as persoas interesadas en participar na planta, xa que na contorna do Monte Escolar non se pode aparcar. Fará parada ás 10:45 horas no Milladoiro e ás 11:00 horas en Bertamiráns. Despois das actividades da mañá o autobús realizará a viaxe de volta, aproximadamente ás 13:00 horas. Por iso será necesaria a inscrición para asistir, que se poderá realizar a través do enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. Proximamente publicarase máis información na páxina web municipal.

A actividade comezará cunha visita guiada polas parcelas, na que se explicará a filosofía do proxecto do Monte Escolar e das labores que nel se levan a cabo.A plantación dos carballos terá lugar ás 12:00 horas, pero non é a única actividade prevista para a celebración do Día Forestal Mundial.

"Ademais invitamos ás persoas que queiran participar á botar unha man nas labores de aburatamento, enmendas e fertilización das terras do Monte Escolar, que prepararán o terreo para futuras plantacións". A concelleira de Medio Ambiente sinala que con estas actividades "aproveitamos a conmemoración deste día para concienciar á sociedade sobre a importancia da conservación do monte e do seu manexo racional e sostible para a súa preservación".

Os carballos, doados pola cooperativa A Nosa Enerxía, non son os únicos que deixaron a fraga de Catasós. A súa doazón forma parte dun proxecto máis amplo, denominado "Je suis Fraga de Catasós", que emprega as sementes e pequenos brotes das árbores desta fraga para repoboar distintas áreas de bosque galego. A cooperativa quere así apoiar á Plataforma Salvemos Catasós", que loita para evitar que se leve a cabo un proxecto de construción dunha liña de alta tensión que destruiría esta fraga senlleira en Galicia.

O Monte Escolar amesán sitúase sobre unhas parcelas nas que, antes da devastación da zona provocada por un incendio en 2006, medraban sobre todo piñeiros. O Concello de Ames comprometeuse cando lle foron cedidas as parcelas a repoboalo con especies de árbores autóctonas galegas.