[02-05-2012] O Ministerio de Facenda e Administracións Públicas acaba valorar favorablemente o Plan de Axuste 2012-2022 presentado polo Concello de Ames. No escrito remitido ao Concello, o Ministerio explica que, en consecuencia, esta entidade local poderá concertar a operación ou operacións de préstamo a longo prazo precisas polo importe das obrigacións pendentes de pago polas que os provedores manifestaran a súa vontade de acollerse ao procedemento instrumentado no Real Decreto-Lei 4/2012, do 24 de febreiro.
Segundo destaca Facenda, a concertación destas operacións deberá aprobarse dentro dos quince primeiros días naturais de maio de 2012 polo órgano da Corporación Local que resulte competente, de acordo co artigo 52 do texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, tendo en conta no seu caso, o disposto na Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local. Neste mesmo acordo de aprobación deberase concretar a habilitación que proceda para a formalización das operacións de préstamo mencionadas.
O Pleno do Concello de Ames aprobou o pasado 29 de marzo o Plan de Axuste 2012-2022 coa previsión de sanear as arcas municipais nun prazo previsto de cinco anos. A elaboración deste Plan de Axuste veu motivada pola crítica situación económica herdada polo actual Goberno municipal.
A planificación establecida neste documento permitirá equilibrar de forma progresiva a realidade contable do Concello de cara a manter o nivel de prestación dos servizos básicos, programar inversións nos próximos dez anos e, en definitiva, estabilizar a situación económica do Concello.
Na sesión plenaria do mes de marzo, o Goberno municipal presentou o Plan de Axuste como un documento real, que planifica as liñas básicas de actuación municipal e garante a solvencia da institución. De xeito inmediato, o Plan de Axuste posibilitará acollerse ao mecanismo de financiamento para o pagamento aos provedores das entidades locais habilitado polo Goberno do Estado a través do Real Decreto Lei 4/12, de 24 de febreiro. A aprobación deste documento fará posible afrontar pagamentos a provedores por 2.228.813,65 euros, importe que se corresponde coa relación de 836 facturas, emitidas por 205 provedores con data anterior ao 1 de xaneiro de 2012, que o Concello de Ames remitiu ao Ministerio con data 15 de marzo.
Medidas do Plan de Axuste
O Plan de Axuste recolle ingresos correntes para financiar os seus gastos correntes e a amortización das operacións de endebedamento. No documento, apóstase pola tendencia a autofinanciamento de determinados servizos (educativos, asistenciais e deportivos) e corríxense os desequilibrios detectados neles para garantir a súa continuidade así como doutras actividades municipais que poderían verse comprometidas.
No capítulo de gastos, o Plan de Axuste recolle a continuidade das medidas xa adoptadas no último ano para sanear as arcas municipais e que permitiron un aforro duns 670.000 euros. Co obxectivo de acadar a maior eficiencia, asegurando a prestación do servizo a un menor custo, este ano renegociáronse, por exemplo, os contratos de telefonía, os seguros dos vehículos do parque móbil, as tarifas eléctricas ou os contratos de extintores e seguridade. Nesta liña de traballo, respecto aos custos de persoal queda establecido que non se cubrirán as baixas por falecemento ou xubilación, elimínanse as partidas de produtividade e redúcense as gratificacións por horas extras (compénsanse por xornadas de descanso). Estudarase ademais a redución de días de libre disposición e determinarase que o goce das vacacións nos contratos temporais se realice antes de que expire o vínculo co Concello. Do mesmo xeito, promoverase que o persoal municipal realice aqueles traballos que estaban a ser externalizados e que son susceptibles de ser asumidos polos empregados da Administración local dentro das súas competencias.
Reducirase ademais a celebración de contratos menores, primando o requisito do menor prezo de licitación. O documento aprobado o 29 de marzo polo Pleno do Concello establece unha previsión de ingresos a partir da revisión de determinados tributos como o imposto sobre vehículos de tracción mecánica (actualización anual co IPC) ou o imposto sobre construcións, instalacións e obras (incremento do 4% nas edificacións plurifamiliares, vivendas colectivas ou promocións de máis dunha vivenda con efectos de 2013).
O Concello de Ames reforzará a eficacia da recadación executiva e voluntaria e potenciará a inspección tributaria para descubrir feitos impoñibles non gravados. Do mesmo xeito, actualizaranse as taxas pola prestación de servizos e ocupación do dominio público. Así, por primeira vez e como iniciativa pioneira no ámbito municipal, aplicarase a progresividade nos servizos de conciliación ('Bos días cole', 'Tardes divertidas' ou comedores escolares) de tal xeito que, por primeira vez, quen máis ten máis paga ao mesmo tempo que se aumentarán as bonificacións para as familias con menos recursos. Antes do inicio da matrícula nas actividades municipais de ámbito educativo, asistencial e deportivo será o Concello de Ames o que aprobará o número máximo de usuarios e o importe máximo de déficit que pode ser asumido.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Facenda dá luz verde ao Plan de Axuste presentado por Ames"
La Voz de Galicia: "Hacienda autoriza los planes de ajuste contable de Ames y Teo"




