Pestanas principais

O Milladoiro volve acoller este venres, 27 de maio, o evento Lab Class-Inventa a túa comunicación

Xoves, 26 de maio de 2016

[26-05-2016] A empresa amesá, Escola Inventa, en colaboración co Concello de Ames, organizan este venres 27 de maio, en horario de 16:30 a 20:00 horas, a oitava edición do evento LAB CLASS | INVENTA a túa COMUNICACIÓN. Este evento, que se desenvolverá na Casa da Cultura do Milladoiro, contará con 4 relatorios de 11 minutos, 3 intervencións de 3 minutos de proxectos innovadores para que o público poida coñecer novas visións, ideas, experiencias, aprendizaxes e solucións por parte dos relatores que interveñen no evento. Como novidade, este evento na apertura, contará coa participación do alcalde de Ames, José Miñones, que destacará a posición do Concello en materia de desenvolvemento económico.

Esta é a cuarta ocasión na que o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolle este evento organizado pola empresa Escola Inventa e que conta coa colaboración do Concello de Ames. O obxectivo é que unha vez finalizado o evento, os participantes reflexionen, se inspiren e valoren a comunicación desde outra perspectiva máis humana e sinxela. Ademais, preténdese achegaralles unha forma diferente de comprender a comunicación e unha visión da importancia que esta ten no día a día. A través dos momentos inspiradores, coñecerán historias reais coas que se poderán sentir identificados e que lles achegarán novos puntos de vista.

Como novidades destacables desta edición, está o de incluír no programa, “os Final Tests”, un reto para 3 profesionais con talento no que terán que contar en 3 minutos que aportan co seu proxecto empresarial á sociedade. Ademais dunha entrevista con Carmen López, directora do Coworking Galicia Open Future de Telefónica situado na Cidade da Cultura, e Daniel de la Iglesia, médico do aparello dixestivo do Chus que traballa nun dos equipos de investigación do aparello dixestivo do IDIS e a Fundación Ramón Domínguez. Ambos trasladarán as súas impresións sobre o valor da comunicación. É unha oportunidade única para relacionarse con outros profesionais asistentes.

O alcalde de Ames, José Miñones, e maila concelleira de Promoción Económica, Isabel González, destacan a importancia de colaborar con este tipo de iniciativas, tendo en conta que Escola Inventa sitúase no parque empresarial Novo Milladoiro, un polígono que é referencia tanto pola calidade das súas empresas no sector audiovisual e tecnolóxico, como de empresas de servizos, ademais do sector empresarial de todo o Concello.

O director de Escola Inventa, Eloy Gesto, agradece a colaboración do propio Concello e convida a todas as persoas que queiran gozar e asistir a unha xornada onde o valor da comunicación de cada un dos participantes é o verdadeiro protagonista, lembrando que as prazas están limitadas a 120 persoas e que nas últimas edicións completouse o aforo. Para participar nesta xornada hai que facer a inscrición na páxina web www.escuelainventa.com.

Intervencións
Nos “Momentos Inspiradores” de 11 minutos participarán, Gerardo García Alvela, director xeral de Itelsis, trasládanos o seu relatorio "Eureka"; Javier Mella, empresario de negocios hostaleiros, Cafetaría Santa Sede e Distribuidora de viño, trasládanos o seu relatorio "Imos a Falar"; Pablo Cruz, coordinador de servizos centrais do Grupo Visual MS, trasládanos o seu relatorio "Destino Best Workplace"; e Pepe Golán, empresario do sector gandeiro, de Gañados Golán, imparte o seu relatorio "Homo Faber".

Nas presentacións de 3 minutos intervirán Santiago Álvarez, CEO de Wimbag, que presenta unha solución para viaxar con maior tranquilidade. César Domínguez, que é coordinador de Venzo CRM, presenta unha solución para mellorar os resultados de vendas. Carlos Tabarés, director xerente de Ampplio, presenta unha solución para xestionar os procesos internos das empresas.

Iniciativa única en Galicia e en España
Esta iniciativa é nova en Galicia, xa que Escola Inventa é a única escola de comunicación en España que finaliza os seus seminarios intensivos de alto rendemento nas áreas de falar en público e vendas cun evento en directo no que xa participaron máis de 1.000 profesionais como asistentes. Cédese o protagonismo aos 7 profesionais que interveñen, que traballaron a súa comunicación durante dous meses xa que son conscientes na sociedade actual non é suficiente o talento, saber comunicar é clave para consolidarse ou converterse en referencia.