Pestanas principais

O Milladoiro terá un aparcamento público de 150 prazas

Venres, 07 de outubro de 2011

[07-10-2011] A localidade amiense de Milladoiro terá 150 prazas de aparcamento ao carón do centro de saúde na esquina da rúa Curuxa con Agro do Medio. As obras comezaron o pasado mércores e prevese que rematen arredor de finais de mes. O orzamento desta obra é de 40.125 euros cos que se acondicionará unha superficie de 2.800 metros cadrados nos que se farán 150 prazas, catro delas para minusválidos. O aparcamento está situado en fronte ao centro de saúde do Milladoiro e preto das oficinas municipais e das rúas máis céntricas da localidade.


Esta é a primeira xestión do goberno de Santiago Amor en cando á creación de novos espazos de estacionamento pero non será o único pois o novo goberno tamén está a traballar para dotar de máis prazas de aparcamento á zona centro do Milladoiro. O goberno de Santiago Amor é consciente dos graves problemas que existen para aparcar nesta localidade amiense e por iso está facendo un esforzo en dotar ao Milladoiro de prazas para aparcar e está escoitando deste xeito unha antiga demanda de comerciantes e sendo consciente da necesidade dos veciños e veciñas.

Nunha parte do emprazamento onde se vai situar o novo aparcamento xa viña sendo habitual que os coches aparcasen ou estacionasen, pero agora este espazo estará acondicionado e mellor aproveitado posto que se calcula que caberán uns 90 vehículos a maiores e todos estarán aparcados correctamente. Este aparcamento será útil tamén para as persoas que acudan ao mercado que a Concellería de Promoción Económica porá en marcha proximamente na rúa Manuel Murguía.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Milladoiro dispondrá de un área de aparcamiento a finales de mes"
El Correo Gallego: "O Milladoiro terá un aparcamento público de 150 prazas"