Pestanas principais

O Milladoiro S.D. e o Bertamiráns F.C. acadan o ascenso á Liga Galega Infantil

Domingo, 23 de xuño de 2013

[23-06-2013] A xornada deportiva do sábado 22 de xuño resultou todo un éxito para os equipos amienses. Tanto o Milladoiro S.D. como o Bertamiráns F.C. acadaron o ascenso á Liga Galega Infantil, onde a próxima tempada representarán ao municipio de Ames. Trátase da primeira vez na historia dos dous clubes amienses que consiguen ascender a esta categoría cun dos seus equipos, culminando ambos unha brillante temporada futbolística. O Concello de Ames quere felicitar aos dous clubes e a todos os xogadores polos éxitos acadados.


O primeiro dos encontros da fase de ascenso celebrouse ás 11:30 horas. Nel, enfrontáronse o Milladoiro S.D. e o Imperator da Coruña. No partido, os xogadores do Milladoiro conseguiron a vitoria ao gañarlle por 3-0 ao Imperator.  

Xa pola tarde, ás 18:00 horas, o equipo Infantil A do Bertamiráns F.C tamén certificou o ascenso de categoría logo de vencer ao equipo estradense do Callobre. O partido rematou cun 4-3, que permitiu o ascenso do equipo amiense á Liga Galega. 

Deste xeito, os dous equipos amienses competirán na vindeira temporada con algúns dos mellores equipos infantís de Galicia, como o Deportivo, o Bergantiños, o Conxo ou o C.D. Lugo, entre outros.

Ao remate dos dous encontros, tanto o Milladoiro S.D como o Bertamiráns celebraron o fin  de tempada con dúas festas nos seus respectivos campos, ás que asistiron pais, socios e afeccionados. Aos partidos e celebracións tamén asistiron a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, así como varios membros da corporación municipal.