[19-03-2015] O Milladoiro celebra dende hoxe xoves e ata o domingo as festas patronais na honra a San Xosé. A programación inclúe actos relixiosos, música a cargo de djs e agrupacións como Ledicia, Areal, Soul&Roll e Nevada, e xogos populares para os máis pequenos.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, convida aos veciños a participar e a gozar destes días. O rexedor considera que a música, o xantar e demais actividades son “os ingredientes perfectos para saírmos do noso mundo e compartir afectos e gustos comúns”. Amor apunta, ademais, que as festas “reforzan o sentido de pertenza a unha colectividade”.
Hoxe ás 20:00 horas celebrarase unha misa e, pola noite, a música da verbena soará a cargo da Orquestra Ledicia. Ademais, no descanso da actuación da orquestra o mologuista Boquete realizará un pregón e unha sesión do seu espectáculo cómico.
A programación de actividades continúa mañá, a partir das 12:00 horas, cun pasarrúas a cargo da charanga O Recobio. Pola tarde, a partir das 17:00 horas, organizaranse varias actividades para o público infantil e xuvenil, que inclúen carreiras de triciclos, bicicletas e sacos para participantes de entre 3 e 15 anos. Ademais, haberá un campionato de tiro de corda por equipos. Ás 20:00 horas iniciarase o concerto do grupo Soul&Roll e ás 22:00 horas terá lugar a actuación de DJ Javi.
O sábado 21, ás 12:00 horas, volverá a música coa actuación polas rúas do Milladoiro da charanga TNT. Pola tarde, a agrupación Areal amenizará a festa infantil -19:00 horas- e o baile para maiores -20:30 horas-. Ás 22:00 horas o público gozará da música de DJ Toto.
Os festexos finalizarán o domingo cun pasarrúas pola localidade a cargo da Asociación Cultural Os Castros, que está subvencionado polo Concello de Ames, previsto para as 11:00 horas. Haberá misa ás 13:00 horas e ás 14:00 horas arrancará a sesión vermú da man da Orquestra Nevada, quen ás 20:00 horas protagonizará a verbena da noite.
VI Festa das Tapas
Paralelamente, a Asociación Cultural de A Madalena organizou a VI Festa das Tapas, que terá lugar entre o venres e o domingo en dez bares e restaurantes do Milladoiro. Os establecementos hostaleiros ofrecerán as súas tapas a un prezo máximo de 3 euros o venres 20 e o sábado 21, en horario de 12:00 a 16:00 horas, e de 20:00 a 23:00 horas, e o domingo 22, de 12:00 a 16:00 horas.
Os clientes recibirán un cupón a través do que poderán votar polo mellor prato e entrarán nun sorteo de cinco comidas ou ceas por valor de 30 euros, que poderán canxear en calquera dos establecementos colaboradores.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Milladoiro honra a su patrón con tapas, música y juegos"




