[14-08-2013] Centos de camiñantes foron atendidos durante os meses de xuño e agosto no punto de atención ao peregrino situado na capela da Madalena do Milladoiro. Un ano máis préstase este servizo de punto de atención, no que se sela a credencial dos peregrinos e se ofrece información de interese aos camiñantes, e que depende da parroquia de San José do Milladoiro. O servizo está organizado en colaboración entre a Delegación pastoral de peregrinacións, a Arquidiocese de Santiago de Compostela, a Xunta de Galicia, a Confraría da Madalena e o Concello de Ames.
O punto de atención ao peregrino do Milladoiro está aberto ao público de martes a domingo, en horario de 9:00 a 13:00 horas. Na Capela, os visitantes reciben información de utilidade sobre o Camiño Portugués, a chegada a Santiago de Compostela ou sobre a historia do Milladoiro e da propia igrexa. Os peregrinos e peregrinas tamén poden deixar as súas impresións sobre a ruta xacobea nun libro de visitas, no que tamén se recollen desexos e impresións dos camiñantes. Nas follas deste libro pódense ler as mensaxes dos camiñantes escritas en diferentes idiomas, como inglés, portugués, alemán ou xaponés.
Dúas rutas por Ames
Ames conta con dúas rutas de peregrinación que discorren polo municipio: o histórico camiño de Fisterra-Muxía e o lendario Camiño Portugués. Esta segunda ruta entra por Raíces para seguir por Agrela. O seguinte punto é O Milladoiro. A teoría máis aceptada acerca da orixe do seu nome é a que fai referencia á súa procedencia do termo latino humillatorium, que logo derivou en humilladoiro, e servía para denominar os diferentes puntos das rutas xacobeas situadas nos arredores da cidade de Santiago de Compostela. Estes lugares, os humilladoiros, eran dende onde os peregrinos e as peregrinas vían por primeira vez as torres da catedral e se puñan de xeonllos en sinal de humildade e agradecemento.
Este punto de información e atención está situado no Camiño Portugués, a segunda vía máis transitada polos peregrinos que se dirixen a Santiago despois do Camiño Francés. Segundo os datos que manexa a Oficina do Peregrino de Santiago de Compostela, entre xuño e xullo fixeron o Camiño Portugués un total de 8.885 peregrinos, moitos dos cales selaron a súa Compostela no Milladoiro.
Nos últimos dous meses, a responsable deste punto de información, atendeu a centos de peregrinos e peregrinas que elixiron o Camiño Portugués para chegar a Santiago de Compostela. A maioría destes camiñantes procedían de diferentes puntos da xeografía española. Entre os estranxeiros, a maioría procedían de Portugal, Estados Unidos, Reino Unido e Alemaña. Con todo, a responsable deste punto de información subliña que ao Milladoiro chegan persoas procedentes de todos os recunchos do mundo, xa que recibiu a camiñantes do Xapón, Sudáfrica ou Sudamérica.